Noticias

Mulleres en acción. Violencia zero" reivindica en Silleda a loita contra a violencia machista

Carmela Silva mostrouse preocupada pola actual situación xa que "é terrible que nos últimos dez anos foran asasinadas máis de 50 mulleres en Galicia e máis de 700 en toda España"


26 setembro 2017
Mulleres en Acción. Violencia Zero en Silleda

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial Chelo Besada e polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, asistiu á vila do Deza a unha nova actuación artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", proxecto impulsado polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e pensado para dar visibilidade á loita contra a violencia machista, así como para dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. 

No acto, que tivo lugar na praza da Igrexa ante máis dun centenar de mozas e mozos do colexio María Inmaculada e do IES Pintor Colmeiro, Carmela Silva relatou os arrepiantes datos que xiran ao redor da violencia machista. Ante esta problemática, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que "é terrible que ter ler que a metade dos asasinatos cometidos en Galicia son por violencia machista, que tantas mulleres son asasinadas tan só polo feito de ser mulleres. Nos últimos dez anos máis de 50 mulleres galegas foron asasinadas e máis de 700 en toda España, o último caso onte mesmo. Isto sucede porque vivimos nunha sociedade na que non hai igualdade e na que hai homes que pensan que teñen dereito a maltratar ás mulleres."

A protagonista do acto foi María Lado, que interpretou a súa obra Dentro, coa que a poeta de Cee deixou claro o seu forte compromiso coa loita fronte a violencia machista e a reivindicación dunha sociedade igualitaria. Coa súa actuación, María Lado tamén aproveitou para mostrar á poesía coma un elemento transformador da sociedade.

A artista conta cunha ampla obra publicada e desde os seus inicios en 1997 interesouse pola posta en escena do texto, campo no que nunca deixou de investigar. A súa actividade literaria, ademais da poesía publicada e algúns relatos en edicións colectivas, céntrase en recitais e outros modos de acción poética pública. No ano 2016, María Lado foi premiada na I Gala do Libro Galego en 2016, pola súa obra oso, mamá, si?.

En canto ao proxecto, Carmela Silva mostrouse "orgullosa de poder levalo a cabo xa que con el estamos levando por diferentes concellos da provincia a maior problemática que temos no país." Ademais, a presidenta da institución provincial tamén subliñou que "é moi importante para nós que con este proxecto se poida dar voz a mulleres da cultura como María Lado, que teñen moito que aportar na sociedade."

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, e ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).