Noticias

"Depo Aventura A Lanzada" conciencia aos nenos e nenas sobre as dificultades das persoas xordocegas

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, sinalou que é unha "oportunidade para que a mocidade vexa un mundo composto por persoas diferentes" e sinalou a "importancia da inclusión, unha cuestión de dereitos humanos"


10 agosto 2017
Depo Aventura A Lanzada

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, visitou o Centro de Vacacións da Lanzada para participar nunha das actividades que se están a desenvolver nas quendas de "Depo Aventura A Lanzada". Trátase dunha actividade organizada pola asociación XOGA (Organización de persoas Xordas de Galicia) de sensibilización á sociedade, desde cativas e cativos, sobre as dificultades que teñen as persoas xordocegas.

Deste xeito e con esta actividade, os nenos e as nenas que participan en "Depo Aventura A Lanzada" están a "adquirir consciencia das dificultades que teñen que superar a diario estas persoas", sinalou Digna Rivas, "dándolles a oportunidade de coñecer de primeira man o dactilolóxico en palma e tamén de empatizar coa xordocegueira a través de diferentes xogos".

A través dela, a Deputación de Pontevedra e XOGA impulsan dúas probas que forman parte dunha "ximcana da campa" cooperativa, coa participación de 50 nenas e nenos en cada unha delas, ambas as dúas coa xordocegueira como protagonista. A primeira delas é un percorrido individual de obstáculos a superar cos ollos tapados, co obxectivo de concienciar sobre as dificultades destas persoas. A segunda consiste na busca en colectivo dun obxecto cos ollos vendados empregando o bastón especial para persoas xordocegas. Este bastón vermello e branco, recoñecido pola federación mundial do colectivo (WFDB, World Federation of the Deafblind), é o símbolo que o identifica.

A Deputada Digna Rivas salientou que "con esta actividade, as nenas e nenos teñen unha oportunidade única para ver que o mundo está composto de milleiros de persoas diferentes e que estas diferenzas son, precisamente, as que enriquecen o mundo". Digna Rivas asegurou que "temos que traballar máis para impulsar a igualdade real, a inclusión nos diferentes ámbitos da vida das persoas con diversidade funcional xa que estamos a falar dunha cuestión de dereitos humanos" e lembrou que "en todo o Estado hai máis de 6.000 persoas con xordocegueira, que é un número moi relevante".

En "Depo Aventura A Lanzada" están a participar un total de 2.200 nenas e nenos (45 deles e delas con diversidade funcional), distribuídos en diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto, con 300 prazas gratuítas para as familias sen recursos económicos.