Noticias

Xosé Leal: "O Encontro de Conservación e Restauración fai de Pontevedra unha referencia a nivel estatal e internacional"

O deputado de Cultura e Lingua salientou o traballo do Museo de Pontevedra coas artes decorativas, tema central do certame de 2017


16 nov 2016
Encontro de Conservación e Restauración

O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal asegurou esta mañá que "o Encontro de Conservación e Restauración fai de Pontevedra unha referencia a nivel estatal e internacional". O deputado así o manifestou hoxe no acto de inauguración do certame, ao tempo que asegurou que a Deputación e o Museo seguirán traballando para celebrar novas edicións destas xornadas en anos próximos con relatores e profesionais de alta cualificación. "Esta sexta edición supón unha continuación á do ano pasado pola súa temática, pero agardamos que haxa sétima, oitava, novena e moitas máis", dixo.

Durante estes días asistirán ás diferentes palestras máis de 180 especialistas que formalizaron a súa inscrición ata o día de hoxe, o que supón un grande éxito de afluencia. Neste sentido, o deputado instou aos asistentes a descubrir o traballo do Museo de Pontevedra no relativo ás artes decorativas e subliñou que os que non coñezan os seus fondos "levarán unha grata sorpresa de ver como mantemos ese ben tan prezado".

Pola súa banda o director do Museo, Carlos Valle, fixo un recoñecemento aos poñentes,"que fan un importante esforzo por vir ao Museo de Pontevedra, o que resulta moi gratificante xa que demostra que dende a periferia tamén se pode aportar coñecemento. Calquera encontro sempre se valora segundo a significación dos que imparten doctrina e, neste caso, son todos reputados". Así mesmo, tamén sinalou a importante colaboración coa Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, coorganizadora do certame, da que dixo "sería ilóxico que non tiveramos iniciativas conxuntas ao traballar no mesmo ámbito".

O director da Escola, José Granados, tamén fixo referencia á colaboración co Museo e agradeceu que dende a posta en marcha do centro que dirixe "sempre nos integrasen en proxectos e colaboracións". En canto ás xornadas que comezaron hoxe, Granados destacou que están xa consolidadas e subliñou que esta sexta edición, dedicada ás artes decorativas, "un mundo artístico basto, nutrido e diverso", é resultado de que no anterior exercicio non houbo tempo de abordar as familias do vidro, a cerámica e os materiais inorgánicos.

Finalmente, volveu destacar, como xa fixera o deputado Xosé Leal, que "Pontevedra xa está no mapa dos certames de Conservación e Restauración… agardemos que por moito máis tempo".

PROGRAMA

Mércores 16 de novembro

8:30 h Entrega de documentación

9:30 h Acto de inauguración

10:00 h "Conservación e mantemento nun museo de coleccións eclécticas. O caso do Museo Lázaro Galdiano. Metodoloxía de traballo"

Carmen Espinosa Martín

Conservadora-xefe do Museo Lázaro Galdiano

11:30 h Pausa para café

12:00 h "Cerámica histórica española: da Baixa Idade Media a finais do século XIX"Abraham Rubio Celada

Doutor en Historia da Arte. Fundación marqués de Castrillón

13:30 h Coloquio

16:30 h "Conservación restauración do patrimonio metálico, problemática e innovación técnica"

Soledad Díaz Martínez

Conservadora-restauradora do IPCE (Instituto del Patrimonio Cultural de España)

18:00 h "A conservación de armas e armaduras históricas"

Isabel Delgado Iglesias

Restauradora de Patrimonio Nacional.

19:30 h Coloquio

20:00 h Visita ás instalacións do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

 

Xoves 17 de novembro

9:30 h "Artes decorativas. Ourivería: técnicas e restauración. Cruces procesionais e outros obxectos de arte sacra e civil"

José Luis Alonso Benito

Restaurador de bens culturais.

11:00 h Pausa para café

11:30h "O inimigo na casa: contaminantes e a conservación preventiva do patrimonio cultural metálico en museos"

Diana Lafuente Fernández

Colaboradora do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE)

13:00 h Coloquio

16:30 h "Restauración de porcelana e cerámica nas coleccións reais"

Margarita Tapia

Restauradora de porcelana e vidro de Patrimonio Nacional

18:00 h "Tratamentos de  intervención en azulexería"

Begoña Carrascosa Moiner

Departamento de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Universitat Politécnica de Valencia

19:30 h Coloquio

20:00 h Visita ás instalacións do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

 

Venres 18 de novembro

9:30 h "Conservación-restauración de vidro. Introdución aos coñecementos básicos para o tratamento do vidro histórico"

Marta Golobardes Subirana

Conservadora-restauradora de obras de arte e bens culturais especializada en vidro

11:00 h Pausa para café

11:30 h "A función dos departamentos de conservación durante a renovación dun museo histórico"

María Antonia Moreno Cifuentes

Conservadora-restauradora

13:00 h Coloquio

13:30 h Acto de clausura