Noticias

Xosé Leal: "Embarcacións tradicionais como as da exposición ‘Fasquías' foron o cerne do pósito de Cambados"

O deputado de Cultura e Lingua destacou a idoneidade da mostra de maquetas de embarcacións tradicionais organizada pola Deputación de Pontevedra na conmemoración dos 100 anos de historia da confraría


04 xullo 2017
Presentación da exposición Fasquías

O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal inaugurou hoxe en Cambados a exposición "Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala", unha mostra sobre embarcacións tradicionais que percorrerá seis concellos da provincia con motivo do Ano do Patrimonio. O nacionalista sinalou que "na conmemoración do 100 aniversario do pósito de Cambados parece moi interesante que embarcacións que foron o cerne desta institución teñan cabida dentro das actividades previstas para a celebración". Subliñou que "o patrimonio marítimo industrial ten sempre vixencia e debemos promovelo con accións que leven ao pasado e fagan ver a evolución que se deu ata os nosos días".

A mostra organizada pola Deputación está composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e que corresponden a diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos que xa se puideron ver no Encontro de Embarcacións Tradicionais que tivo lugar en Combarro, e que pasará tamén por Bueu, A Illa de Arousa, Vigo e O Grove. Esta exposición vai acompañada por unha pequena publicación que leva por título Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia editada pola institución provincial, en colaboración con Culturmar e A Citania. Esta guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.

Na presentación da exposición na tarde de hoxe en Cambados tamén se desenvolveu unha actividade complementaria de narración oral e música que correu a cargo do músico e escritor Xurxo Souto, que se centrou en falar da xente do mar e da potenciación da cultura mariñeira.