Noticias

Xosé Leal: "É un orgullo poder manter o certame Novos Valores e apostar por persoas que van desenvolver a súa traxectoria vital no mundo da arte"

A mostra Novos Valores poderá visitarse nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración ata o vindeiro 11 de setembro


04 ago 2016
Novos Valores

"É un orgullo poder manter este certame e apostar por persoas que van desenvolver a súa traxectoria vital no mundo da arte" asegurou esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a visita guiada á montaxe da exposición na que se amosan os traballos premiados e seleccionados nesta edición. Leal estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, por dous dos catro premiados, Diego Vites e María Maquieira, e por parte dos seleccionados e seleccionadas. A idea da visita é que os propios autores e autoras puidesen explicar as súas obras e, no caso dos premiados e premiadas, o conxunto do proxecto que continuarán grazas á bolsa de estudos coa que está dotado o premio. 

Tanto Xosé Leal como Carlos Valle volveron lembrar que na presente edición se retoma a modalidade de premio como bolsa de estudos artísticos, dotada cada unha delas con 7.500 euros, "seguindo a estela de Castelao, que tamén foi pensionado da Deputación no seu momento" sinalou o deputado. Valle tamén lembrou que o premio ten "unha segunda parte" referíndose á que despois do período de formación, cada gañador e gañadora terán a posibilidade de expoñer no Museo de Pontevedra as obras resultantes desa formación.

Nesta edición, o xurado do Certame Novos Valores seleccionou como obras gañadoras unha pintura, ‘Historiografía Tigua (sen xesta)' de Diego Vites; unha escultura, ‘Lentes' de Basilisa fiestras; un debuxo, ‘El boceto ampliado' de María Maquieira; e un vídeo ‘Die sonne auf der Pfaueninsel' de Olmo Cuñas. Seleccionou 32 pezas máis, contendo a exposición un total de 13 de obras de pintura, 7 de fotografía, 6 debuxos, 5 esculturas, 3 vídeos e 2 gravados. A mostra poderá visitarse a partires desta tarde e ata o 11 de setembro nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais. 

O deputado provincial de Cultura e Lingua trasladoulle a todos os e as seleccionadas no certame os parabéns e así como seu desexo de que acaden un lugar destacado no panorama da arte contemporánea. "Espero que a partires de aquí sigades medrando artisticamente e que vos poidades consolidar" asegurou Leal.

Tanto as persoas premiadas como seleccionadas coincidiron en agradecer a visibilidade que ofrece este certame e a propia exposición para dar a coñecer as súas obras e ofrecerlle repercusión pública nos comezos. Pola súa banda, tanto Diego Vites como María Maquieira, agradeceron a posibilidade de seguir desenvolvendo os seus proxectos artísticos premiados grazas á bolsa de formación. 

Diego Vites explicou o seu proxecto como unha integración entre elementos pictóricos propios dos indíxenas dos Andes e elementos ancestrais da cultura galega: a pintura ‘tigua' andina e o ‘home xesta' galego. Explicou que a pintura ‘tigua' se iniciou como decoración de tambores e que na actualidade ten dexenerado cara a produción de souvenirs. Esta integración entre ambas culturas a través da pintura, a indíxena andina e a ancestral galega, era un proxecto que, segundo explicou o autor, "non o puiden facer noutro momento por falta de orzamento e que rematarei grazas a este premio". A idea de Diego Vites é realizar unha residencia en Quito con artistas locais e investigar os elementos de ambas culturas coas que quere crear a súa historiografía. 

Pola súa banda María Maquieira baseou a súa obra nunha busca interior  que definiu como "a miña obsesión polo control  absoluto do debuxo". Sinalou que lle "apaixona a figura humana" e que ten "unha necesidade de comprensión" que a levou a pintar durante meses no laboratorio de Anatomía da Facultade de Fisioterapia da Coruña. Neste momento e grazas á bolsa que vén de gañar no certame, está tramitando unha residencia en Inglaterra para desenvolver un proxecto titorizado pola artista Sarah Simblet na Rusking School de Oxford. 

Tamén explicaron as súas obras algúns dos e das artistas seleccionadas. Elisabel de Freitas Rodríguez comentou que a obra titulada "Me dejaste entrar en tu memoria" consta de varias fotografías que pretenden ilustrar a emigración durante o franquismo. Para iso retratou obxectos intervidos con texto do seu propio avó emigrado durante esa época. Camila Gina Oliveira presentou o seu traballo audiovisual  titulado ‘El proceso' como un intento de recrear o que se sinte antes, durante e despois da realización dunha obra de arte, abarcando todo o proceso creativo. Alberto Ardid referiuse á súa obra "AP-9" como unha "representación, non idealizada, do mundo no que vivimos". Trátase dun cadro ‘pintado' con cinta adhesiva que fai unha referencia á ponte de Rande reinterpretada a partires de elementos xeométricos e de cor degradada.  Tamén estivo presente Lorena Recimil coa súa obra fotográfica "Retrato'" na que xoga cos claroscuros e o rostro humano.

Relación de seleccionados:

Alberte Ardid de Cabo, Alexandre Argibay Santiago, Eric Balbuena González, Nuria Bouzas Loureiro, Daniel Cerecedo Bretal, Miriam Cidrás González, Elisabel de Freitas Rodríguez, Pablo Manuel Diez Castro, Javier Fernández Pérez de Lis, Alba Fernández Troiteiro, Natalia Fernández Umpiérrez, Ana Isabel Gil Rodríguez, Luis González de la Ballina González, Marina González Guerreiro, Borja Guerrero Parapar, Julia Huete Iglesias, Alejandra Mónica Lago Alejandre, Pablo Loureiro Costa, Silvia Marra Fernández, Macarena Montesinos Fandiño, Jaime José Olmedo Feijoo-Montenegro, Camila Gina Oliveira Mongelos, María Teresa Pece Montenegro, María del Mar Ramón Soriano, Lorena Recimil Barral, Sandra María Segade Iglesias, Alexandre Sequeiros Camiña, Jorge Andrés Serrano Mato, Beatriz Sieiro Caramés, María do Mar Suárez Canosa, e Aitana Tubío Rodríguez.