Noticias

Xosé Leal: "A cultura ten que ser un sector puxante que xere traballo e tamén ledicia na xente"

O deputado de Cultura e Lingua sinalou que durante a celebración do Culturgal "o público poderá gozar da marabillosa oferta que teñen as empresas do país"


17 nov 2016
Culturgal

"A Cultura ten que ser un sector puxante que xere traballo e tamén ledicia na xente". Así o manifestou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na presentación da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebrará en Pontevedra a primeiros de decembro. Leal definiu o certame como "un fito que se debe repetir moitos anos máis", xa que cumpre un importante papel tanto na faceta profesional, ao reunir empresas e creadores entre si, como tamén de cara ao público, "que poderá gozar da marabillosa oferta que teñen as empresas culturais do país".

Leal salientou que cada ano é máis gustoso asistir ás presentacións do Culturgal ao ver o número de empresas que participan, que demostran que Galiza "ten unha industria potente" que desenvolver, consolidar e facer medrar. Subliñou, así mesmo, a importancia de que dende o ámbito institucional haxa unha clara aposta por iniciativas conxuntas deste calado que sirvan de plataforma ao sector. "O Culturgal é un proxecto colaborativo no que as institucións deben ser parte activa, tal e como o estamos sendo o Concello de Pontevedra, a Xunta a través de Agadic, e a Deputación de Pontevedra", dixo, para engadir que "dende a Deputación seguiremos apostando polo Culturgal e agardamos que o décimo aniversario que se aveciña para o ano próximo sexa espectacular".

En canto á participación da Deputación na feira, Leal explicou que haberá un espazo propio no que a institución provincial dará voz ás iniciativas culturais dos concellos da provincia. Ademais, o departamento de Cultura patrocinará a exposición ‘Pegadas na terra. Diálogos creativos contemporáneos coa natureza e o territorio', que estará aberta dende o inicio da feira ata o mes de xaneiro, dando continuidade á programación.

"Vaise traer a natureza ao interior do Pazo da Cultura cunha mostra na que participan 18 artistas que van facer as súas interpretacións do espazo e o territorio. Cada un ten a súa visión en diferentes expresións artísticas que van dende a escultura, fotografía, vídeo, debuxo… unha multitude de fórmulas para interpretar o espazo natural. O introducir un espazo artístico diferenciado é unha aposta que dende a Deputación levamos facendo xa nas anteriores edicións de Cultural que nos parece positiva", explicou.

Leal destacou que no desenvolvemento da exposición o Museo de Pontevedra colabora xunto aos comisarios, Antón Sobral e Paula Cabaleiro, "que sempre fan un traballo moi interesante". "Esta mostra vai ser moi do gusto dos que se acheguen", finalizou.