Noticias

Xosé Leal: "Queremos abrir novos campos para a divulgación da figura de Castelao"

O deputado de Cultura e Lingua presentou esta tarde a primeira das conferencias complementarias da exposición "Castelao artista"


13 abr 2016

"Queremos abrir novos campos na divulgación da figura de Castelao introducindo aspectos vixentes ata hoxe en día, como é a iconografía coa que el mesmo se representou", sinalou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación da primeira das charlas complementarias á exposición "Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)". O deputado provincial, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, presentou a relatora desta primeira conferencia, a profesora da Facultade de Belas Artes e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea, Susana Cendán.

Baixo o título "Castelao: a construción dunha identidade icónica", Susana Cendán abordou a cuestión de como o propio Castelao foi construíndo e difundindo unha imaxe de si mesmo, fundamentada en varios elementos icónicos que perduraron desde comezos do pasado século ata a actualidade. Neste sentido, Xosé Leal apuntou que "resulta moi interesante coñecer este tipo de estudos, que nos serven para reactualizar unha figura desde novos puntos de vista e nos fai ver que, a pesares de ser unha figura fortemente estudada, sempre hai algún aspecto novo a destacar".

Susana Cendán, que é especialista en análises relacionando arte con moda e deseño, formulou varios percorridos na súa intervención. Dunha banda, exemplificou como outros artistas contemporáneos de Castelao tamén tiveron especial coidado en crear unha imaxe propia e diferenciada a través da aparencia e a forma de vestir, citando como exemplos o alemán Joseph Beuys ou o catalán Salvador Dalí. "Os movementos de vangarda trataron a moda e a indumentaria como elementos diferenciais, intentando romper co burgués, como unha forma de manifestar a que corrente estaban adscritos", afirmou Susana Cendán.

Partindo da tese de que "o modo de como nos amosamos a través da roupa e da aparencia dá pistas sobre como nos queremos manifestar", a profesora fixo un percorrido por unha serie de autocaricaturas coas que Castelao se representou, para amosar como foi a relación do artista coa súa propia imaxe e que elementos da súa aparencia decidiu destacar conscientemente. As autocaricaturas pertencen na súa maior parte á colección do Museo de Pontevedra, que as cedeu para este estudo de Susana Cendán que, á súa vez, forma parte dun proxecto máis amplo sobre o polifacético autor rianxeiro e que está coordinado por M.ª Victoria Carballo-Calero.

Outro dos percorridos propostos por Susana Cendán na súa intervención fundamentouse na secuencia cronolóxica destas caricaturas relacionándoas coa vida do propio Castelao e co seu tempo histórico, de xeito que, segundo explicou, "se pode apreciar un cambio en como se representa a si mesmo, como vai estando cada vez máis derrotado, segundo a dura realidade que lle tocou vivir, coma a perda do seu fillo e os acontecementos políticos que provocaron o seu exilio".

Por último, Cendán centrouse en como determinados elementos que foron constantes nas autocaricaturas perduraron ata a actualidade. Referiuse a símbolos coma o sombreiro de ala ancha, as lentes redondas e a gravata de lazo, que se converteron en iconas representativas da súa figura, e que "mesmo o identifican moito máis e son moito máis coñecidos que as fotos do propio autor". Amosou, ademais, como toda esta iconografía segue permanecendo vixente na actualidade e como se usa de xeito comercial, en formatos coma a publicidade ou a estampación en prendas de vestir e complementos. "O uso publicitario da iconografía de Castelao, nomeadamente o sombreiro, as lentes e a gravata de lazo, populariza a súa figura entre a xente nova, ao igual que tamén se fai con outras iconas representativas da cultura galega como pode ser a figura de Rosalía", sinalou a profesora.

A charla desta tarde foi a primeira dunha serie de tres, que continuarán os días 11 de maio, a cargo de Juan Monterroso, e 1 de xuño, a cargo de José Antonio Durán.