Noticias

Xosé Leal: "Con este certame apostamos polo fomento da lingua e pola posta en valor do noso rural"

O Certame Balbino vai dirixido a persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten relatos inéditos en lingua galega sobre as experiencias de aldea O premio está promovido por unha empresa do Deza, comarca da que era natural Xosé Neira Vilas, e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Fundación Neira Vilas e dos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón.


02 mar 2016
Certame Balbino

"Apoiando este certame a Deputación de Pontevedra está apostando polo fomento da lingua e poñendo en valor o noso rural con historias que servirán para a súa dignificación", manifestou o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación do I Certame Balbino de Relato. Este certame, que foi presentado esta mañá en Santiago de Compostela, nace da man da empresa dezana Técnicas&Gramaxe SL e está apoiado ademais pola Fundación Neira Vilas, polos concellos de Vila de Cruces e Boqueixón e pola Secretaría de Política Lingüística. Leal aproveitou a súa intervención para facer fincapé en que "tamén nos parece fundamental participar nunha iniciativa coa que se contribúe a honrar a memoria de Neira Vilas e o seu legado literario e intelectual". Ademais de Xosé Leal, na presentación tamén estiveron presentes o promotor do premio Manuel Núñez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez.

O Premio Balbino está aberto a persoas, sexan escritores e escritoras noveis ou consagradas, de calquera nacionalidade e idade. As persoas participantes deben enviar un relato ou unha serie de relatos, en lingua galega e inéditos, que teñan un mínimo de 120.000 e un máximo de 180.000 caracteres con espazos. A temática, segundo se recolle nas bases, debe xirar ao redor das experiencias da aldea onde se teña nacido, vivido, visitado por vacacións, ou que fosen contadas por parentes, e que supoñan experiencias directas ou indirectas do ámbito rural galego. O certame está dotado cun único premio de 1.500 euros e o prazo de presentación de obras rematará o 30 de xuño. A entrega do premio realizarase nun acto que terá lugar durante o mes de setembro e a obra premiada será publicada por Edicións Fervenza. As bases tamén recollen que o xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio do mundo da cultura e da literatura.