Noticias

Xosé Leal avoga pola valorización patrimonial do monte para recuperar o seu uso social

O deputado provincial de Cultura informa as comunidades de montes de Marín e Vilaboa das liñas de axuda para actuacións no patrimonio que habilitará o seu departamento


19 xan 2015
Xuntanza coa Comunidade de Montes do Morrazo
 Xuntanza coa Comunidade de Montes do Morrazo

"Queremos promover que a xente valore os elementos patrimoniais, pero se non os coñecen non os poden valorar", así argumentou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a necesidade de investir en sinalización e actuacións no patrimonio histórico e artístico nunha visita que realizou esta mañá ao lago de Castiñeiras, en Marín. Nunha superficie forestal de 80 hectáreas, na que se atopan 8 mámoas, que son propiedade das comunidades de montes de Marín e Vilaboa, Leal asegurou que a visita está encamiñada "a coñecer de primeira man e sobre o terreo as necesidades dos propietarios desta comunidade, a vosa visión, porque sodes os que mellor coñecedes a situación, para poder contemplar as vosas impresións e inquedanzas nas liñas de subvencións que estamos elaborando".

Pola súa banda, os representantes das comunidades de montes fixeron especial fincapé na necesidade de que as administracións públicas asuman a xestión deste espazo natural para que actúe como recurso turístico e como centro educativo para xeracións vindeiras. Neste sentido, Xosé Leal avogou pola posta en valor dos elementos patrimoniais situados neste espazo e sempre encaixando estas actuacións nas competencias que corresponden ao seu departamento. Para isto lembrou que desde a área de Cultura da Deputación de Pontevedra se  incluíu unha partida orzamentaria de 600.000 euros para axudas ao patrimonio histórico artístico, dos cales 200.000 euros se destinarán á sinalización de elementos patrimoniais e 400.000 euros a actuacións no patrimonio. Estas axudas, tal e como lles explicou o deputado de Cultura aos representantes das comunidades de montes, serán canalizadas a través dos concellos, que deberán ser os solicitantes destas. Xosé Leal tamén aproveitou a súa visita para anunciarlles que está previsto que se habiliten outras liñas de axuda máis específicas en materia de montes e medio ambiente.

Como referente de elemento patrimonial Xosé Leal tamén visitou a mámoa do Rei, ante a que insistiu na necesidade de promover o seu coñecemento e o seu valor etnográfico tanto entre a cidadanía do Morrazo coma no resto da provincia. Na visita estiveron presentes representantes das comunidades de montes de Marín e Vilaboa, a concelleira de Marín Pilar Branco e a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández.