Noticias

Xosé Leal anuncia a estrea absoluta da obra musical ‘Alba de Gloria' dedicada a Castelao en tres concertos da Orquestra de Cámara Galega

O deputado de Cultura e Lingua asegura que actividades musicais para conmemorar o Ano Castelo serán "espectaculares" e suporán "unha aposta polos diferentes xéneros"


27 xul 2016
‘Alba de Gloria'

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anunciou hoxe a estrea absoluta da obra musical ‘Alba de Gloria' dedicada a Castelao no marco da serie de concertos organizados pola Deputación de Pontevedra para conmemorar as efemérides relacionadas co autor de Rianxo neste 2016.  O ciclo foi composto este mesmo ano polo autor galego Rogelio Groba a partir do discurso que Castelao fixera no exilio con motivo do Día da Patria, e será interpretada pola Orquestra de Cámara Galega (OCG) en Ponteareas (no marco do Festival Groba), Vilagarcía e Lalín.

Segundo asegurou Leal, os concertos relacionados co Ano Castelao, xunto coas diferentes actividades programadas, son unha "aposta variada polos diferentes xéneros musicais" que  queren ter un carácter comarcal en zonas de gran tradición musical como son o Condado-Paradanta, o Deza e o Salnés. O deputado aproveitou para dar as gracias ao autor Rogelio Groba (pai) polo seu traballo, ao responsable da Orquestra de Cámara Galega pola súa colaboración, así aos concellos implicados como polo interese mostrado en levar adiante os eventos, que definiu como "espectaculares",. 

As actuacións da OCG realizaranse o sábado 30 no Pazo de Liñares de Lalín (20.30 h.), o 6 de agosto na Igrexa de Vistalegre de Vilagarcía (21.00 h.), e o luns 8 de agosto no auditorio municipal de Ponteareas (21.00 h.), no marco do Festival Groba, que se desenvolverá entre o 5 e o 12 de agosto na vila do Condado. O ciclo ‘Alba de Gloria' está formado polas pezas Alborada de gloria; Na catedral; Sen ti, alegrías e tristuras; Etnografía panteísta; Cortexo fúnebre; Oda aos inmortais e Enerxía Colectiva. 

Galiza, un país rico en música "para o espírito"

O responsable da Orquestra de Cámara de Galicia, Rogelio Groba Otero, manifestou o seu agradecemento polo traballo da Deputación ao interesarse pola promoción e apoio á música clásica no Ano Castelao. Salientou que a peza que se estreará, que cualificou de "interesantísima e cargada de emotividade",  foi composta polo seu pai "e dedicada a unha das figuras máis senlleiras do país" co xerme do discurso ‘Alba de Gloria' feito por Castelao. 

Groba Otero lembrou que a Orquestra de Cámara Galega creouse no 1995 coa pretensión de "dar a coñecer compositores galegos descoñecidos e facer das súas creacións a bandeira do desenvolvemento da música clásica galega". Sinalou que "hai unha necesidade de coñecemento do patrimonio cultural galego, porque o noso país é rico en música clásica, música seria ou, como eu prefiro chamarlle, música para o espírito e a sensibilidade do pobo".

Neste sentido, o músico louvou a organización do Festival Groba de Ponteareas e subliñou que permitirá non só dar importancia a intérpretes, solistas e compositores galegos, senón tamén achegar artistas internacionais para que o público non só goce dos seus concertos, senón tamén aprenda das súas clases maxistrais. "O Festival é diferente porque permite un feedback da xente que estuda música con importantes figuras. Haberá un trato humano cercano e, sobre todo, un ‘non stop' de música galega", salientou.  

Os concellos

Na presentación do ciclo de concertos hoxe na Deputación participaron tamén representantes dos concellos que acollerán as estreas. Así, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, instou aos veciños de todo o Salnés a acudir ao evento do vindeiro día 6. "Este concerto celebrarase nos días previos ás festas de San Roque, e pensamos que o lugar ideal para facelo sería Vistalegre por ser un emprazamento con historia. Agardamos unha grande afluencia, xa que a música clásica ten moito máis público do que de entrada poida parecer", asegurou. 

Pola súa banda, do concello de Ponteareas estiveron na rolda de prensa o alcalde Xosé Represas e a concelleira de Cultura Hortensia Bautista. Represas agradeceu o apoio que a Deputación presta este ano por primeira vez ao Festival Groba que, segundo dixo, permite a Ponteareas ser a capital da música galega dende o 5 ao 12 de agosto. Destacou que con esta celebración "ponse a música clásica galega ao mesmo nivel que outras músicas de Europa".

"Este festival non ten comparación. Non se pode atopar noutras localidades similares a Ponteareas, e neste ano temos o ‘plus' de poder estrear unha obra composta por un dos máis importantes músicos galegos, Rogelio Groba, que estará presente no festival para escoitar a ‘Alba de Gloria' interpretada pola Orquesta de Cámara Galega", salientou o rexedor.

ANEXO

FESTIVAL GROBA

O Festival Groba está a ultimar os preparativos para iniciar a súa cuarta edición. As principais novidades para este ano veñen vinculadas ao apartado pedagóxico. En primeiro lugar, coa celebración dun curso especial para xoves solistas de violín, que será impartido polo profesor Emmanuele Baldini, actual concertino da Orquestra Sinfónica do Estado de São Paulo (Brasil). Participarán neste curso oito alumnas previamente seleccionadas de distintas partes do mundo, aínda que poderán asistir en calidade de oíntes todos aqueles que o desexen.

Catro das alumnas que participan neste curso terán a oportunidade de actuar como solistas no concerto de clausura, onde interpretarán As catro estacións, de Vivaldi. As outras catro farano nun concerto fóra do programa do Festival, que se celebrará o sábado, día 13, na Sala Eisenmann da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, que vén ser unha especie de epílogo do curso e do Festival.

A outra das novidades que teñen que ver coa pedagoxía vai ser a realización dun curso de Biomecánica e prevención de lesións para violinistas, que será impartido pola fisioterapeuta Nerea Carrera e no que se ofrecerán importantes consellos posturais para evitar calquera tipo de mancaduras musculares.

En canto ao apartado de concertos (que terán lugar todos os días, a partir das 21:00 horas, no Auditorio Municipal e, coma sempre, de balde), este ano volverase contar con figuras senlleiras do panorama musical contemporáneo. Algunhas xa son coñecidas polos asistentes ao Festival en edicións anteriores, como a violinista Clara Jumi Kang, as violistas Lea Hennino e Kyoungmin Park, ou a pianista Kasia Wieczorek. Xunto a este elenco, nomes relevantes como os violinistas Guy Braunstein, que foi concertino da Filharmónica de Berlín; Emmanuelle Baldini, concertino da Orquestra do Estado de Sao Paulo (Brasil); os chelistas Massimo Macri e Zvi Plesser; a flautista Gili Schwarzman; o pianista Julien Quentin, ou a soprano Ingrida Gapova. Ao seu carón, nomes relevantes do panorama galego, como Alba Reirís ou Bernabé Simes. Coma sempre, a Orquestra de Cámara Galega exercerá de ‘orquestra residente' do Festival.

Contarase, ademais, coa colaboración dunha das grandes promesas da composición galega, o lugués Luis Álvarez Cabado, do que se vai estrear unha obra que lle foi encargada polo propio Festival: Andante impromptu. Outras estreas importantes nesta edición serán a de dous dos catro concertos que compoñen a colección A roda do ano (os titulados Primavera e Verán), de Rogelio Groba, así como o xa mencionado ciclo escrito este mismo ano a partir do célebre discurso de Castelao Alba de gloria, co que o autor ponteareán homenaxea ao polifacético artista e intelectual rianxeiro neste Ano Castelao.

Amais destas estreas, outras composicións de Groba xunto a autores habituais do repertorio internacional como Haendel, Brahms, Mendelssohn, Horst, Telemann, Dvorak, Warlock, Robert e Clara Schumann, Prokofiev, Bach, Vivaldi, Medtner, Sibelius, Boccherini ou Beethoven.