Noticias

A Deputación e a Fundación Roberto Rivas impulsan as xornadas "Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza"

Terán lugar os días 15, 17 e 19 de novembro en Silleda e Lalín e forman parte da estratexia de aposta pola cultura emprendedora e dinamización económica da institución provincial


31 outubro 2021
Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza

Os días 15, 17 e 19 de novembro os concellos de Silleda e Lalín acollerán as xornadas "Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza" que impulsan a Deputación e a Fundación Roberto Rivas para espallar a cultura emprendedora e dinamizar a economía na comarca. O día15  terá lugar unha xornada no auditorio da Semana Verde de Galicia en Silleda para coñecer proxectos rurais inspiradores e os días 17 e 19 dous workshops en Lalín para crear novas oportunidades na comarca.

"Dinamización e transformación do territorio na comarca do Deza" pretende achegar ás persoas interesadas proxectos que sirvan como referencia e inspiración. Tamén visibilizar oportunidades na comarca do Deza, espallar iniciativas que están impulsándose desde as administracións, destacar e dar a coñecer proxectos emprendedores e iniciativas colaborativas, conectar axentes para reter talento e facilitar a posta en marcha de ideas emprendedoras. Así, aproveitarase a ocasión para idear solucións inspiradoras para axudar na captación e desenvolvemento de proxectos sustentables, crear redes de networking, espallar a cultura emprendedora e impulsar a dinamización do territorio.

Deste xeito o luns 15 terá lugar a xornada presencial e en liña para coñecer proxectos rurais inspiradores no auditorio da Semana Verde. Neste encontro presentaranse cinco boas prácticas inspiradoras nacionais e internacionais de emprendemento rural sostible aliñadas cos sectores primario, da enerxía, da mobilidade, biotecnolóxico e industrial. Tamén se falará das oportunidades do territorio para a posta en marcha de proxectos emprendedores.

No que respecta aos workshops, tamén presenciais e en liña dende Lalín, pretenden servir de nexo de conexión entre axentes para facilitar a materialización de iniciativas e idear solucións e proxectos para crear novas oportunidades no territorio. Deste xeito o mércores 17 o workshop centrarase nos sectores primarios, da enerxía e do medio ambiente e o venres 19 na biotecnoloxía, industria e na mobilidade.

As persoas interesadas en participar tanto na xornada coma nos dous workshops poden realizar xa a súa inscrición a través da plataforma Eventbrite. As actividades están abertas tanto a persoas como microempresas que residen en cidades e teñen inquedanzas por vivir en zonas rurais para emprender ou continuar proxectos empresariais, como a persoas emprendedoras da comarca e mozas e mozos, para que vexan que hai oportunidades no rural.