Noticias

Xan Bautista: "o compost é unha riqueza como emenda no abonado das viñas"

Persoal do Revitaliza e da Asociación Galega de Viticultura explicará mañá ás 17 h na casa da cultura de Riomaior (Vilaboa) os beneficios da compostaxe na agricultura


15 marzo 2019
Revitaliza

"O compost é unha riqueza como emenda no abonado das viñas". Así o asegura o representante da Asociación Galega de Viticultura, Xan Bautista, quen participará mañá na xornada ‘A fertilización no viñedo e o compost', organizada para as 17 horas na casa da cultura de Riomaior (Vilaboa) pola Deputación de Pontevedra –ao abeiro do Plan Revitaliza- e do Goberno local. A intención desta charla é favorecer a compostaxe como modelo de xestión do lixo entre produtores locais de viño e persoas agricultoras do concello explicando a repercusión que o uso do compost pode ter na horta.

Xan Bautista e o técnico da AGV Luis Quinteiro farán referencia na súa presentación a que a día de hoxe xa existen viticultores de varias zonas da provincia (O Salnés e O Baixo Miño, entre outros) que utilizan compost elaborado cos seus propios residuos vexetais para a produción de viño ecolóxico con moi bos resultados. Ante isto, e á vista da calidade das analíticas do compost producido nos centros de compostaxe comunitaria de Vilaboa cos biorresiduos domiciliarios, o representante da AGV subliña que este tamén pode aproveitarse con garantías de ser unha "riqueza" para alimentar cultivos e viñas da zona.

A día de hoxe, explica Bautista, a maior parte dos viticultores da provincia realizan abonados químicos, polo que o uso da emenda orgánica suporá un cambio que na maneira de traballar cara a unha maior sustentabilidade. Segundo asegura, os principais beneficiados ata o momento co uso do compost son as persoas agricultoras de produtos de horta, onde hai máis abonados porque hai máis ciclos de produción que na viña.

A xornada de mañá sábado comezará ás cinco da tarde da man do técnico do Plan Revitaliza Agustín Vidal Portela, quen se encargará de falar de compostaxe e do que se está a facer en Vilaboa nos centros de compostaxe comunitaria da vila, para continuar despois coa intervención técnica da AGV que falara da fertilización da viña nunha exposición dividida en tres bloques: sobre as necesidades da planta, o abono do viñedo e o uso dos materiais da compostaxe.

Hai que lembrar que o Concello de Vilaboa recibiu da Deputación unha subvención de 345.869,06 euros para desenvolver o Plan Revitaliza (o 88,07 % do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios), ademais dun investimento de 80.800 euros para o convenio coa asociación ecoloxista Amigos da Terra (e non Adega como por erro se indicou nunha nota anterior), que se encarga de facer o seguimento dos composteiros individuais repartidos no municipio.