Noticias

Tras dous anos de parón volve "Depo en Marcha", o programa da Deputación de Pontevedra que favorece o envellecemento activo

O programa terá un orzamento de 186.800 euros para realizar talleres de informática, conservación da memoria, ximnasia ou terapia emocional


11 xaneiro 2022

A Deputación retoma neste 2022 o programa "Depo en Marcha", que foi suspendido nos dous últimos anos por mor da pandemia e co que a institución provincial busca favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de distintos obradoiros. Así o informou a presidenta provincial, Carmela Silva, tras aprobar en Xunta de Goberno as bases do programa para o que "este ano incrementamos o orzamento nun 20% e imos dedicar 168.800 euros".

Carmela Silva puxo en valor as temáticas sobre as que xiran os distintos obradoiros entre os que se atopan talleres de "habilidades dixitais para que a xente maior poida facer un uso cotiá da informática avanzada", obradoiros de conservación da memoria, musicoterapia ou terapia emocional. A presidenta provincial puxo o aceno nestes últimos e cualificounos como "fundamentais neste momento porque se alguén sofre as consecuencias da Covid-19 son as persoas mozas e maiores e ademais -apuntou- está aumentando moitísimo o número de persoas que teñen secuelas emocionais e polo tanto van a ser esenciais". Tamén se referiu aos obradoiros de ximnasia de mantemento e pilates considerándoos "fundamentais para que axente maior poida manter unha boa capacidade de actividade física".

Entre 2019 e 2019 máis de 11.500 persoas teñen participado nos obradoiros de "Depo en Marcha", unha cifra que deixa ver que "o programa chega a toda a provincia". Estes talleres actúan como espazos de encontro e de intercambio de experiencias que permiten fomentar a independencia das persoas maiores para evitar así o illamento e situacións de soidade. Ademais, con este programa a Deputación de Pontevedra promove a inclusión social e facilita o acceso á formación non regrada.