Noticias

Vive Nigrán revalida o seu compromiso co contorno e a sostibilidade coa escultura "Balmi", elaborada con residuos plásticos mariños

Carmela Silva: "Esta é unha mostra da cultura circular, porque está claro que a través da cultura podemos transformar cousas que danan gravemente as nosas costas e convertelas en arte. Hoxe estamos mandando unha mensaxe moi poderosa"


23 setembro 2021
Vive Nigrán

O compromiso do Vive Nigrán co seu contorno e coa sostibilidade está desde hoxe plasmado na escultura Balmi, unha doazón do festival integrado na marca Rías Baixas Fest da Deputación ao Concello e que xa loce na rotonda máis próxima ao campo de Monte Lourido en praia América, onde terá lugar o evento. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor esta aposta medioambiental durante o descubrimento desta peza multicolor que representa a unha cría de cachalote escoitando música cuns auriculares e que foi elaborada polo equipo artístico Retoque Retro con 200 quilos de plásticos e residuos recollidos nas praias do litoral galego e tamén nas accións organizadas na sección Vive Sostible do evento. "Esta é –salientou– unha mostra da cultura circular, porque está claro que a través da cultura, neste caso da escultura, podemos transformar cousas que danan gravemente as nosas costas, que son a nosa vida, e podémolas converter en arte. Isto ten un valor moi importante".

Carmela Silva destacou que a nova peza "é extraordinaria e vai embelecer Nigrán", e amosa que "a cultura, a creatividade e o talento son imprescindibles para loitar contra cousas que facemos os seres humanos que están a danar dunha forma irreversible o noso planeta". En concreto, para a elaboración de Balmi, cuxo nome fai referencia a súa situación no Val Miñor e que pesa máis de 400 quilos e mide máis de 5 metros de longo, o equipo de Retoque Retro, formado por Isa García (bióloga), Javi Serantes (escultor) e Ana Lee (mestra) percorreu unha vintena de praias galegas ata xuntar os 200 quilos de lixo de que está formada a escultura. Outra parte foi recollida na iniciativa Vive Sostible do festival, que promoveu este ano dúas accións de recolección de lixo en praia América.

"Temos que darvos a gracias por un traballo ben feito –engadiu a presidenta–. E creo que non vai ser a ultima escultura deste tipo na provincia de Pontevedra, porque creo que hai que sumarse ás boas e grandes ideas. Ademais, isto vai servir para que todas as persoas, particularmente a mocidade, tome conciencia de que temos que ter colectiva e individualmente unha actitude fronte a seguir danando o planeta. Polo tanto tamén é verdade que sensibiliza. Hoxe é un día moi grande para Nigrán e para toda a provincia, porque estamos a mandar unha mensaxe moi poderosa, a mensaxe de que a cultura pode ser transformadora". Ademais do equipo autor da peza, Carmela Silva puxo en valor o traballo de sensibilización feito desde o festival, as empresas patrocinadoras do evento e desde o Concello, "cun alcalde creativo, comprometido e valente, que sempre se suma a proxectos innovadores".

Balmi está elaborada a tamaño real dunha cría de cachalote, e está construída con paos de bateas, caixas de pescado, bidóns ou nasas plásticas entre outros materiais. O recubrimento elaborouse con botellas, tapóns, restos de xoguetes e trouzos de nasas que chegaron ás costas. A maior parte do lixo empregado, un 90 %, é mariño e o restante 10 % urbano, con botellas e tapóns proporcionados pola veciñanza da zona. Ademais de ser a acción máis destacada da iniciativa Vive Sostible do festival e símbolo de compromiso medioambiental, a escultura tamén busca a sensibilización social cara o papel das baleas e os mamíferos mariños no mantemento dos ecosistemas e do clima, e a alertar sobre a súa desaparición, coa ameaza que os plásticos supoñen para estas especies. Precisamente, Alfredo López, da Asociación Cemma, incidiu na súa intervención que a obra tamén rende homenaxe a unha balea que varou hai anos en praia América e morreu pola inxestión de plástico.

O alcalde, Juan González, tamén se referiu ao papel sensibilizador da escultura:  "Que Balmi nos conciencie da necesidade de seguir coidando este planeta" e agradeceu ás persoas participantes a súa implicación no proxecto, así como "a todo o voluntariado que axudou na recollida do lixo". Pola súa banda, o director do festival, Juan Rivas, destacou que os Rías Baixas Fest "levan no seu ADN a sostibilidade e a protección do medio ambiente" e resaltou que "o mellor tería sido non facer unha escultura deste tipo, xa que a elaboramos recollendo lixo en todo o litoral galego".