Noticias

Visto bo de patrimonio á actuación da Deputación para a estrada provincial EP-2703 ao seu paso por Ribadetea en Ponteareas

O deputado Uxío Benítez explica que a obra, cun orzamento de 780.000 €, espertou o interese de 16 construtoras e está a piques de ser adxudicada


09 febreiro 2019
Ribadetea Ponteareas

O proxecto de mellora da mobilidade peonil e a seguranza viaria na estrada provincial EP-2703 Pazos-Ponteareas ao seu paso polo lugar de Ribadetea, no concello de Ponteareas, xa ten autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. O visto bo do departamento autonómico era necesario por afectar a varios elementos do patrimonio cultural existentes no lugar do Souto -a igrexa parroquial de San Xurxo e os cruceiros de Souto e do Torreiro- e soamente esixe que na obra se utilicen materiais, cores e deseños acordes coa importancia da contorna.

Unha vez obtida a autorización patrimonial a Deputación ten vía libre para a adxudicación definitiva das obras. Estas espertaron o interese de 16 firmas construtoras cuxas ofertas están a ser avaliadas polo persoal provincial: xa se realizou o análise técnico das propostas e nestes momentos estanse a estudar as propostas económicas, sendo requiridas varias das empresas por presentar supostas baixas temerarias. Unha vez se entregue a documentación aclaratoria realizarase unha proposta de adxudicación por parte da mesa de contratación e elevarase para a súa aprobación en Xunta de Goberno. Así, as obras, de non producirse ningún atranco administrativo, poderán comezar na primavera. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de seis meses.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que o investimento provincial ascende a preto de 780.000 euros, e suporá a creación de itinerarios peonís, a mellora do firme, a instalación de elementos de calmado de tráfico, e tamén a incorporación de servizos soterrados nunha zona moi transitada pola veciñanza nas inmediacións da igrexa parroquial, da escola infantil, e da casa cultural.

A mellora establecerá un espazo de tránsito peonil diferenciado e -onde non hai sección suficiente- zonas de convivencia con plataforma sobreelevada e preferencia peonil. Haberá tamén un tratamento de posta en valor no ámbito da igrexa de San Xurxo e o cruceiro de Entreeidos, onde se utilizarán encintados e pavimentos e pedra e lastro en lugar do formigonado do resto do ámbito.

Ademais das melloras nos itinerarios peonís, o proxecto inclúe unha rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, instalaranse redutores de velocidade de vehículos, renovarase a rede de drenaxe, canalizarase un treito de abastecemento, e instalarase novo mobiliario urbano e unha marquesiña.

A mellora desta estrada responde a unha demanda veciñal da parroquia de Ribadetea trasladada á Deputación polo Goberno local encabezado por Xosé Represas que, en varios encontros, manifestou que a zona necesitaba dunha mellora da seguranza viaria para facilitar principalmente o tránsito de peóns. A Deputación recolleu a proposta dado que encaixaba plenamente coa nova filosofía do Goberno provincial e encargou a redacción do proxecto.