Noticias

A Deputación de Pontevedra oferta máis de 1.000 prazas para gozar do castelo de Soutomaior a través de visitas caracterizadas e teatralizadas

Carmela Silva: "Damos o pistoletazo de saída a estas iniciativas que tiveron tanto éxito nas anteriores edicións e van encamiñadas ao turismo familiar, a valorizar o castelo de Soutomaior e a impulsar experiencias nunha contorna inigualable"


25 maio 2021

Máis de 1.000 persoas poderán gozar este verán das visitas caracterizadas e teatralizadas ao castelo de Soutomaior, así o explicou a presidenta, Carmela Silva, na presentación destas actividades que arrancan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata setembro. Trátanse de actividades dirixidas ao público adulto, no caso das visitas caracterizadas, e ao familiar, no caso das teatralizadas, que ofrecen unha maneira diferente de coñecer o castelo. A presidenta, que recordou que xa están dispoñibles as entradas en https://www.castelodesoutomaior.com/gl/visitas-teatralizadas, asegurou que "damos xa o pistoletazo de saída e estas iniciativas que tiveron tanto éxito nas anteriores edicións e van encamiñadas ao turismo familiar, a valorizar o castelo de Soutomaior e a impulsar experiencias nunha contorna inigualable".

As visitas caracterizadas, a cargo de Aguias e dirixidas ao público adulto, comezan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata o 25 de agosto. No percorrido, de 60 minutos de duración, as persoas que se acheguen ao castelo camiñarán polo seu parque botánico e o xardín de excelencia internacional, así como coñecerán as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos da man de tres mulleres caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria, quen explicarán as súas vivencias, anécdotas e algún que outro segredo. As visitas terán lugar o 30 de maio; os días 6,13, 20 e 27 de xuño; o 8, 14, 21 e 28 de xullo e o 4, 11, 18 e 25 de agosto en dous pases diarios, ás 11 e 13 horas.

No caso das visitas teatralizadas, a cargo de Troula e dirixidas ao público familiar, comezan o sábado 5 de xuño, e estenderanse ata o 6 de setembro. No percorrido, de 60 minutos de duración, as familias coñecerán a historia do castelo a través da peza Irma e Diña na que aparecerán personaxes tan coñecidas como Pedro Madruga, Paio Gomes e as labregas Irma e Diña, que poñen nome á representación e presentarán a dobre visión da historia desde o punto de vista da nobreza e das/dos labregas/os. Trátase dunha actividade participativa, educativa, dinámica e divertida, na que se coñecerá a historia e peripecias de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, será o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no castelo como María Vinyals. Xunto a Pedro Madruga e Paio Gomes compartirán protagonismo as labregas Irma e Diña, que contarán a historia do pobo, as costumes e formas de vida das galegas do século XV, poñendo o aceno no importante papel desenvolvido polas mulleres labregas na historia. As visitas caracterizadas terán lugar en xuño os días 5, 12, 19 e 26 en dous pases diarios, ás 16:30 e 18:00 horas. En xullo, agosto e setembro haberá catro pases, ás 11:00, 13:00, 17:00 e 18:30 horas os días 5, 12, 19 e 26 de xullo; o 2, 9, 23 e 30 de agosto e o 6 de setembro.

O prezo para participar en cada una das actividades é de 8 € por persoa e poden adquirise desde hoxe mesmo en https://www.castelodesoutomaior.com/gl/visitas-teatralizadas. Ofertaranse 15 prazas por cada pase de tal xeito que haberá dispoñibles 660 prazas para participar nas visitas teatralizadas e 390 para as caracterizadas.

A Deputación de Pontevedra iniciou o programa de visitas teatralizadas ao castelo de Soutomaior en 2016 e, desde aquela, participaron xa preto de 2.500 persoas na actividade. No caso das caracterizadas, a institución provincial organizou as primeiras no 2019 centradas na temática da "Camelia e moda", nas que se deron cita máis de 150 persoas.