Noticias

Carmela Silva valora "o cambio transcendental" que está a supor a modernización do ORAL na súa visita ás novas oficinas de Pontevedra

"Ano a ano se melloran os datos pero iso non é o máis importante, o relevante é a satisfacción do público e dos concellos pola atención que estamos dispensando"


03 agosto 2021
Carmela Silva nova oficina ORAL

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitou esta mañá acompañada polo deputado Carlos Font, a nova oficina do ORAL situada no número 16 da rúa Manuel del Palacio de Pontevedra e mantivo unha reunión de traballo co equipo directivo do servizo. Este novo local serve xa como punto físico único de atención na cidade, permitindo que as persoas que precisan asesoramento presencial reciban unha atención máis simplificada ao non ter que desprazarse entre os distintos departamentos. Este punto de atención é unha aposta máis da Deputación pola simplificación administrativa e pola mellora da eficiencia e a eficacia dun servizo "dos máis potentes que prestamos aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes", sinalou a presidenta.

O novo local é unha das constantes melloras realizadas no ORAL polo Goberno provincial, cuxo cambio, sinalou Carmela Silva, "está a ser transcendental. Falamos de modernización, accesibilidade, prestacións, atención ao público e novas ferramentas na relación cos concellos". Respecto a isto último, a presidenta puxo en valor que "todos os concellos de todas as cores políticas transmítennos a importancia de ter unha relación directa de información e de escoita, tal como reciben do ORAL, para podermos ser o elemento que lles permita xestionar os seus tributos". Carmela Silva tamén sinalou "a mellora que a propia xente percibe deste servizo. As administracións temos que ser un buzón aberto para escoitar as demandas e as queixas da cidadanía, e así como á chegada deste Goberno se recibían moitas, agora do ORAL non recibimos practicamente ningunha". Isto foi posible "grazas ao esforzo que se fai desde aquí e desde todas as oficinas".

No encontro co equipo directivo, formado por Inmaculada Viña, directora do ORAL; Martín Iglesias, xefe do Servizo de Coordinación; Carmen Lorenzo, xefa do Servizo Xurídico Tributario; María José Pérez, xefa do Servizo de Xestión Orzamentaria e Contabilidade; Rubén López, xefe do Servizo de Recadación Voluntaria e Executiva; María del Mar Lamoso, xefa de Modernización e Desenvolvemento Administrativo; e Fernán Pereira, adxunto á Xefatura do Servizo de Xestión Tributaria, a presidenta da Deputación agradeceulles "o traballo, o compromiso e as novas ideas e propostas que teñen planificado". "Todo elo, engadiu, ten permitido unha maior eficiencia e eficacia no labor que se desenvolve". Carmela Silva tamén avanzou que "imos ter que seguir facendo máis cambios no servizo en consonancia coa aparición de novos instrumentos de mellora da xestión, aos que nos temos que sumar, da continua aplicación das novas tecnoloxías como estamos a facer, pero sen esquecer que o lado humano da prestación dos servizos, na atención ao público, nunca o vai suplir en ningún caso o avance tecnolóxico". De feito, a presidenta comprometeuse a que en setembro iniciará unha nova visita a todas as oficinas periféricas do ORAL "que son o instrumento de atención próxima en todas as comarcas da provincia", así como que no vindeiro orzamento se contemplará unha nova dotación para que o persoal dispoña de dobres pantallas nos seus postos de traballo a fin de optimizar a atención á cidadanía"

A nova oficina de atención ao público do ORAL en Pontevedra conta con 8 postos de atención e está dotada de melloras tecnolóxicas que permiten axilizar trámites como a obtención de duplicados de recibos ou notificacións. Ademais, as persoas usuarias tamén se poden achegar a esta oficina para realizar directamente os seus trámites desde os ordenadores que están á súa disposición, recibindo asesoramento do persoal no caso de que o precisen. Grazas a este novo sistema de atención evítanse os desprazamentos dentro do edificio. A Deputación proporciona, deste xeito, unha experiencia de atención máis agradable, simple, intuitiva e cómoda, ademais de que tamén permite aforrar tempo á cidadanía e, no contexto actual, darlle unha maior seguridade. As novas oficinas dispoñen de 140 metros cadrados de superficie útil, confeccionando un local do século XXI, diáfano, aberto, moderno e cunhas infraestruturas adaptadas funcionalmente. Co punto de atención única tamén se mellora a produtividade das servidoras e servidores públicos do ORAL, ao deixar de compaxinar o seu traballo cunha dispoñibilidade presenza continuada de atención ao público, tarefa que agora desempeña persoal dedicado exclusivamente a esta función.

Fotos