Noticias

O concello do Rosal acada un aforro enerxético do 70% a través dunha achega do IDAE xestionada pola Deputación de Pontevedra

A subvención, de case 24.000 euros, permitiu instalar 46 luminarias led nas rúas Xulio Sesto e Fornelos e na estrada da Loureza


23 novembro 2021
Visita ao concello do Rosal

As rúas Xulio Sesto e Fornelos e a estrada da Loureza, no concello do Rosal, locen un novo aspecto tras ser renovados 46 puntos de luz a través dunha achega do IDAE que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, achegouse ao municipio para coñecer de preto esta actuación, que contou cun orzamento de 23.700 euros e supón un aforro enerxético do 70%. Nesta visita tamén participaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.

Máis polo miúdo, con esta actuación substituíronse 3 luminarias de vapor de sodio na rúa Xulio Sesto, 25 na rúa Fornelos e 18 na estrada a Loureza. Agora estas zonas contan con tecnoloxía led, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Ademais, as luminarias instaladas teñen un sistema que permite reducir o fluxo luminoso nas horas de menor uso.

A Deputación busca con este tipo de actuacións reducir a pegada de carbono na provincia. Deste xeito, o cambio de luminarias no Rosal é un exemplo máis do camiño que está a realizar a institución provincial cara a plena consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.

Estas axudas europeas para a renovación de iluminación exterior foron xestionadas pola Deputación ante o IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.