Noticias

Vilanova de Arousa pecha o Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra cunha última achega de 16.000 euros

Con este novo investimento o Goberno de Carmela Silva financiará o subministro de fibra óptica para a vila do Salnés


28 novembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial, Javier Dios, anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobou, mediante unha Resolución presidencial, a última achega do Plan Concellos 2018 para o concello de Vilanova de Arousa. Trátase esta vez dunha axuda de 16.326,12 euros para o subministro de fibra óptica co fin de conseguir unha mellor cobertura da rede en diferentes localizacións da vila e a instalación de repetidores de sinal necesarios para que a veciñanza do rural poida gozar do mesmo servizo que os do casco urbano.

Tal e como sinalou Javier Dios, con esta achega o concello de Vilanova de Arousa xa ten adxudicado o 100 % do Plan Concellos 2018. Anteriormente, coa liña 1, o municipio xa recibira 12.660 euros para a adquisición de equipamento para o ximnasio do Multiusos; 30.000 euros para a compra de terreos no Terrón; 32.577,74 € para a construción do paseo marítimo nas Sinas; 48.319,39 para a pavimentación en Corón; 32.307 € para unha pista multideporte; 17.545 € adquisición de equipamento infantil; 70.000 € para a adquisición dun local para o arquivo municipal; 46.971,61 € para o acondicionamento de camiños en San Miguel de Deiro; 48.351,84 € para a ampliación e mellora das instalacións deportivas en Tremoedo; 43.784,79 euros para a colocación de cámaras de videovixilancia; 43.653,87 € para pavimentación; 48.347,53 € para o reforzo do firme en Caleiro, e 14.294,94 € para a adquisición de cadeiras destinadas a diferentes eventos.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 70.896,82 euros no que corresponde á liña 2 e tamén outros 168.379,94 € que foron destinados coa liña 3 de Emprego á financiación da contratación de 9 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello.