Noticias

Vilagarcía de Arousa recibirá 60.000 € do Plan Concellos 2016 para melloras no punto limpo de Pinar do Rei

O grao de concesións do plan provincial neste municipio arousán sitúase no 40%, cuns investimentos totais ata agora de 577.709,86 €


13 ago 2016

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar unha achega económica de

60.000 € para o concello de Vilagarcía de Arousa, que se destinarán para varias obras de acondicionamento e mellora do punto limpo de Pinar do Rei. Trátase dunha contía incluída na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016.

Esta partida súmase ás xa aprobadas anteriormente dentro da liña 1, por un importe de 110.350,82 € para diversas actuacións de subministro e instalación de equipamentos municipais. Na liña 2 achegáronse 33.500 € para distintos gastos correntes novos e outros 322.322,04 €, na liña 4 dedicada á promoción do emprego, para a contratación de 34 traballadores  e traballadoras municipais. Por último, ao abeiro da liña 3 -actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais- achegáronse 51.537 € para diversas iniciativas.