Noticias

Vilagarcía de Arousa recibe máis de 100.000 € do "Plan Concellos 2017" para a adquisición de distinto material para os seus servizos municipais

Cun investimento superior ao millón de euros, a institución provincial xa leva entregado o 73% do importe total de Vilagarcía dentro do Plan Concellos


06 xullo 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, cinco novas achegas ao concello de Vilagarcía de Arousa ao abeiro da liña 1 de investimentos do "Plan Concellos 2017". Deste xeito, a vila do Salnés recibe 36.000 € para o subministro dunha máquina trituradora, 25.000 € para unha máquina portadora de féretros, outra achega de 23.000 € para a adquisición dunha minipala cargadora con culleirón varredora, 12.000 € para o subministro dunha cisterna de rego de emulsión asfáltica e, por último, outros 9.680 euros que permitirán a esta vila adquirir unha máquina para a sinalización viaria. En total, coa suma destes novos investimentos, Vilagarcía de Arousa recibe do "Plan Concellos 2017" un total de 105.580.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Vilagarcía 421.593,18 € en liña 1 para a humanización da praza de Galicia e un tramo da rúa Padre Feijóo e para o subministro dun vehículo tipo pick-up con plataforma elevadora. Ademais, 178.332,97 € en liña 2 para sufragar gastos correntes e diversas actividades como o Combate Naval ou un programa de activación do corpo e da mente e, finalmente, outros 314.331,47 euros para a contratación de 34 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma destas cinco novas achegas, a porcentaxe de adxudicación do "Plan Concellos 2017" da Deputación de Pontevedra en Vilagarcía de Arousa sitúase neste momento no 73%. Isto supón que o concello xa dispón de 1.019.937,62 € dun total de preto de 1.400.000 €.