Noticias

Vilagarcía acolle o fin de semana o campionato de vela ibérico de 420 e o de España de Radio Control

As deputadas de Deportes, Chelo Besada, e de Xuventude, Digna Rivas, presentan o gran premio Deputación de Pontevedra de ambas probas


28 abr 2016
Premio Deputación de Pontevedra de vela, en Vilagarcía

As deputadas de Deportes e de Xuventude, Chelo Besada e Digna Rivas, presentaron hoxe o gran premio Deputación de Pontevedra do "Campionato Ibérico da Clase 420" de vela  e do "Campionato de España de Radio Control" que se celebrará nas augas de Vilagarcía dende mañan venres ate o próximo luns.

O acto celebrado nos xardíns do "Turismo Rías Baixas" contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde,  e do seu director técnico, Bruno Gago.

Chelo Besada agradeceu a Federación Galega de Vela a súa aposta polas augas das rías baixas para desenvolver ambas competicións que son o inicio das seis probas de alto nivel que ao longo de todo ano acolleran as augas de Arousa. A deputada do Deporte enmarcou a celebración deste campionato ibérico en Vilagarcía ao apoio que dende a Deputación estase a ofrecer a totalidade das actividades deportivas na provincia e "máis si cabe nesta disciplina onde os rapaces e rapazas de entre 15 e 18 anos son os protagonistas".

Neste mesmo senso manifestouse a deputada de Xuventude, Digna Rivas, que subliñou a importancia de que os xoves aposten polo deporte como unha forma de desenrolo persoal.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega  de Vela, Manuel Villaverde, agradeceu a  colaboración da Deputación Provincial con estes campionatos e con todas as actividades que desenvolve a institución da vela.

Para o campionato da clase 420 se espera a  participación de 40 barcos procedentes fundamentalmente de Galicia, Portugal e País Vasco, aínda que tamén acudirán catro embarcacións de Canarias. No caso do campionato de radio control tamén se espera un número parecido de embarcacións.

As probas comezarán o sábado as 13 horas, na clase 420 entre o espazo comprendido entre o dique de Ferrazo e o porto de Vilaxóan, o que permitirá seguir as probas dende terra. No caso de radio control, as probas comezan o sábado as 12 horas xunto diante das instalacións da Centro Galego de Vela de Vilagarcía.