Noticias

Vilaboa inicia o proceso para ampliar a casa do concello coa firma do convenio do Plan ReacPon

A presidenta da Deputación e o alcalde asinaron o acordo para a construción dun novo edificio accesible ao carón da actual Casa Consistorial que permitirá dar un mellor servizo municipal, así como a creación dunha nova praza pública


12 xaneiro 2022

Cun investimento de case un millón de euros (993.834,47€), Vilaboa arrancou hoxe o proceso que permitirá ampliar a Casa do Concello coa construción dun edificio anexo e accesible que vai dar resposta ás necesidades de espazos e organización municipal e reforzará a centralidade do núcleo do Toural. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, César Poza, asinaron o convenio enmarcado no Plan ReacPon, polo que a institución achegará 461.859,85€ e o concello 531.974,627 €. O proxecto, que segundo o alcalde "é un soño para Vilaboa que sería imposible sen a axuda da Deputación", suporá a construción deste novo inmoble co que se ofrecerá á cidadanía un mellor e máis eficaz servizo, apostando amais pola eficiencia enerxética e illamento térmico, seguindo a liña dos obxectivos do programa ReacPon, o plan máis ambicioso de investimentos da historia da institución provincial.

A presidenta Carmela Silva, que cualificou o proxecto de Vilaboa como "unha aposta valente" e "moi potente", recordou que o Plan ReacPon naceu para dar resposta con recursos extraordinarios ás necesidades que teñen os municipios de dotacións e proxectos para prestar servizos de calidade e que sen estes fondos non poderían abordar, ao tempo que se propicia a reactivación económica e social da provincia trala Covid. "É unha forma diferente de facer as cousas, con criterios obxectivos e claros", puntualizou, afastada da amosada polo presidente da Xunta esta semana, "firmando convenios só con concellos do PP". "Esta administración provincial non o fará nunca, temos a obriga de financiar proxectos para que a xente poida ter dereitos e servizos nos 61 concellos". Reclamou "máis competencias con recursos" para o mundo local e cualificou así mesmo de "intolerable" que o presidente da Xunta, "aos proxectos propostos por concellos dunha cor distinta ao PP lles di que si se a Deputación pon a metade do investimento, mentres que cos do PP firma convenios e finánciaos ao 100%". Citou precisamente o exemplo da ampliación da Casa do Concello de Vilaboa, que "é da súa competencia facelo; pero nalgúns do PP faino, noutros non". "As administracións públicas non son de quen as goberna –insistiu a presidenta-, senón da xente, e eses recursos deben volver á veciñanza. O Concello de Vilaboa podería facer mais cousas se tivera a empatía da Xunta. Nós seguiremos apostando por poder ter plans amais do Plan Concellos porque somos conscientes das necesidades dos municipios. Cando nun concello se fan transformacións, transfórmase ese concello e a provincia. E nós queremos ser unha referencia como provincia que ten as persoas no centro. O Concello de Vilaboa o fai". 

En canto ao proxecto, Carmela Silva puxo en valor as actuacións que suporá, como a habilitación dunha praza pública entre o actual edificio e o novo, que se enmarcan nos principios Ágora de recuperación de espazos e nos obxectivos da Axenda 2030, amais de estar aliñadas cos fondos Next Generation. Indicou que as novas instalacións albergarán unha sala de usos múltiples que beneficiará "á veciñanza tan activa que ten Vilaboa". "É un novo espazo que moi pronto garantirá un mellor servizo –destacou-. Hai que felicitarvos pola idea de crear esa praza, porque as Casas do Pobo, os lugares onde a veciñanza se relaciona coa administración, teñen que ter tamén espazos que supoñan centralidade para que a xente teña lugares de encontro".

O alcalde César Poza subliñou que proxectos como o do Concello serían "imposibles" de afrontar sen a axuda da Deputación, "sobre todo porque ás veces é a única porta á que podemos chamar". Neste senso, indicou que se volverá pedir á Xunta apoio para abordar a necesaria reforma da actual Casa Consistorial,  "que presenta deficiencias estruturais, e esperemos que nos atendan e firmen eses convenios con nós ao 100%". "Para nós isto é un soño –afirmou en referencia ao convenio asinado hoxe-. Somos un municipio disperso, formado por 5 miniconcellos, e o soño é converter o Concello e a nova praza nese espazo común de centralidade. E este proxecto xunto con outros, forma parte dese obxectivo". 

O proxecto de ampliación da Casa do Concello

A construción do novo edificio para ampliar o Concello vén dar resposta á situación que presenta a Casa Consistorial actual, que amais de estar afastada dos requirimentos de calidade construtiva e eficiencia enerxética, non resulta funcional. Deste xeito, coa ampliación proxectada levantarase un novo edificio de uso administrativo anexo ao actual e, nunha segunda fase, conectarase con este último, que será reformado.

O novo edificio financiado co ReacPon terá dous andares e outro máis baixo a rasante da parcela municipal e contará cun salón de usos múltiples, unha sala polivalente e un arquivo. No exterior acondicionarase tamén o espazo para configurar unha nova praza, coa eliminación do aparcadoiro e a humanización do espazo entre a Igrexa de San Martiño e o Concello. Todo elo apostando pola eficiencia enerxética para contribuír a unha economía descarbonizada.

O Plan da Deputación ReacPon, dotado con 26,3 millóns de euros, beneficiará a 47 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Contou con bases esixentes e criterios obxectivos, aberto a proxectos maduros que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. O programa suporá nestes concellos, ao longo do próximo ano e medio, a execución de ata 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas bibliotecas, cinco reformas de casas consistoriais, cinco reformas de espazos culturais, a ampliación ecolóxica dun cemiterio, e oito novas infraestruturas deportivas. 

Audios

  • Audio