Noticias

Vilaboa dá solución ás filtracións de auga no pavillón polideportivo do Toural grazas a unha achega do Plan Concellos da Deputación

Investíronse 64.000 euros na impermeabilización da cuberta e as fachadas


26 agosto 2021
Pavillón de Vilaboa

O Concello de Vilaboa vén de rematar os traballos para a posta a punto do Pavillón Polideportivo do Toural grazas a unha achega de preto de 64.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O deputado provincial Santos Héctor Rodríguez, acompañado pola deputada Olga García e o alcalde de Vilaboa, César Poza, visitaron hoxe estas instalacións, construídas hai 28 anos, nas que se actuou con diversas obras para garantir a impermeabilización da súa envolvente e rematar así coas filtracións de auga.

O proxecto foi redactado para poñer fin ás patoloxías detectadas no edificio, que non quedaran completamente resoltas en actuacións anteriores. Así, incluíron a retirada dos canlóns de recollida de augas pluviais nas fachadas norte e sur e a reconstrución do remate superior de coroación do tellado mediante a instalación de chapa de aceiro galvanizado. Nestas dúas fachadas instalouse un novo canlón e baixantes polo exterior do inmoble, e acometeuse a reposición das chapas da cuberta que se atopaban deterioradas. Amais, o proxecto contemplou a limpeza de todas as fachadas do edificio mediante auga a presión, para a súa posterior impermeabilización coa aplicación de revestimento elástico. As actuacións completáronse coa impermeabilización da xunta da estrutura no pilar central da fachada norte.

Amais da práctica deportiva, con diferentes disciplinas como fútbol, ciclismo, ximnasia rítmica ou patinaxe, coa presenza dunha media de 20o deportistas cada mes, este pavillón municipal utilízase tamén como espazo social para acoller distintas actividades culturais promovidas polas asociacións e o Concello.

Durante a visita insistiuse en que a construción e mantemento das instalacións deportivas é un dos eixes principais do Plan Concellos en toda a provincia. No caso de Vilaboa, este concello puido mellorar as súas dotacións nos seis últimos anos coa colaboración da Deputación de Pontevedra e, deste xeito, amais destas obras da envolvente do Pavillón do Toural, a institución provincial financiou a remodelación da sede do Club de Piragüismo, onde se investiron 150.000 euros nunha primeira fase e outros 152.741 a través do Plan de Reequilibrio para a súa reforma interior.