Noticias

Vila de Cruces e Gondomar recibirán outros 214.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Goberno provincial achegará 144.000 euros para a mellora de camiños rurais en Vila de Cruces e outros 70.000 euros para obras de urbanización da rúa da Igrexa en Gondomar


09 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, acaba de aprobar dous novos investimentos en dous municipios da provincia no marco do vixente Plan Concellos. Trátase de dúas partidas por un total de algo máis de 214.000 euros para Vila de Cruces e para Gondomar.

Para Vila de Cruces, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 144.738 euros para mellorar a capa de rodaxe de varios camiños rurais no municipio, en concreto, nas parroquias de Carbia, Larazo, Piloño e Sabrexo. Con este novo investimento aprobado, Vila de Cruces xa leva recibido este ano, a través do Plan Concellos, máis de 545.000 euros, case o 49 % do total asignado a este municipio dezán, que ascende a un total de 1.117.984 euros.

Para Gondomar, a Deputación aprobou unha achega de case 70.000 euros que se destinarán para as obras de urbanización na rúa da Igrexa. A través do Plan Concellos, Gondomar ten este ano á súa disposición un total de 1.667.227 euros, dos que ata agora xa recibiu algo máis de 1,1 millón de euros, o que supón o 70,7 % do total asignado.