Noticias

Vila de Cruces contará cun novo espazo público para o goce das crianzas e persoas maiores grazas ao Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra

Os deputados provinciais Carlos López Font e Santos Héctor e o alcalde, Luis Celso Taboada, visitaron as actuacións, que contan cun investimento de 334.000 euros


14 agosto 2020
Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces contará no seu centro urbano cun novo espazo público de socialización e cohesión social especialmente pensado e deseñado para o goce das crianzas e das persoas maiores grazas ás obras de mellora da mobilidade que se están a executar ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra. Os deputados provinciais Carlos López Font e Santos Héctor, acompañados polo alcalde, Luis Celso Taboada, e representantes da Corporación, visitaron hoxe esta actuación, na que se investiron 334.000 euros, o 90 % aportado pola institución provincial e o restante 10 % polo Concello.

A ambiciosa actuación contempla a reforma integral das vías anexas ás principais dotacións de uso social, deportivo e educativo do concello (o CEIP, a gardería e o polideportivo) para facilitar a comunicación entre os seus espazos, coa mellora das condicións de seguridade e accesibilidade. Deste xeito, transformarase esta área de intervención nun novo espazo de socialización e cohesión social no que se prima a participación na vida social interxeneracional.

As obras permitirán dotar ás rúas Neira Vilas e Costa das Carretillas dunha plataforma única con preferencia peonil, así como habilitar unha nova área de esparexemento na que se proxectou a zona infantil, con elementos naturais variados que permiten ás nenas e nenos un xogo libre e creativo. Deste xeito, entre os equipamentos que se instalarán ao abeiro deste proxecto figuran topografías lúdicas no céspede, xogos musicais, tobogáns, unha rede de escalada ou areeiros.

No que respecta á futura zona axardinada, plantaranse árbores caducifolios. Esta área responde tamén á necesidade de ofrecer espazos seguros que se presten á rememoración, á contemplación, ao descanso e ao encontro das persoas maiores.

O mobiliario da reforma completarase con novas bancadas, papeleiras, colectores de reciclaxe tipo iglú e a instalación de farois LED de 3,7 metros de altura. A todo iso hai que engadir a instalación da rede de saneamento e abastecemento, así como a dotación dunha rede de rega e a canalización da rede telefónica. O proxecto dá prioridade ao coidado tratamento medioambiental, reducindo ao mínimo a xeración de residuos e utilizando tanto nas superficies como no equipamento urbano materiais de alta duración para alongar ao máximo a vida útil da intervención.

Esta ambiciosa actuación integral enmárcanse, como destacou o deputado provincial Carlos López Font, no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra en toda a provincia baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de viarios e espazos públicos para as persoas. "O que busca este programa é humanizar ás contornas, favorecer a seguridade viaria e a mobilidade e creo que esta obra é moi significativa", apuntou, tras felicitar ao goberno municipal pola súa aposta, "que amosa que cando humanizamos contornas a calidade de vida da veciñanza increméntase e esta obra vai cambiar totalmente a zona para satisfacción de todas e todos". Neste senso, destacou que o proxecto elixido dá servizo á unha zona de equipamentos públicos como a gardería e o centro multiusos, "polo que se trata de mellorar maiormente a calidade de vida tanto dos máis pequenos como os maiores". "Nestas obras –engadiu– vese a parte estética de humanización, pero tamén hai unha obra moi importante en canto a saneamento, iluminación, que aporta moito á infraestrutura".

Font agradeceu a colaboración do Concello de Vila de Cruces, "que é un exemplo" e resaltou que a Deputación seguirá na súa política de total cooperación cos concellos "para mellorar a vida dos veciños e veciñas". "Somos o Goberno que máis transfire directamente de todas as deputacións de España aos concellos –lembrou– e é unha satisfacción o ver que isto que programamos, que temos como modelo e proxecto contribúe a cambiar a calidade de vida dos concellos pequenos, nos que hai dispersión e nos que temos que facer un esforzo por fixar poboación con actuacións como esta. Algo que sería practicamente imposible con orzamentos municipais. Trátase de que a veciñanza de Vila de Cruces teña humanizacións e infraestruturas como se fose unha gran cidade. E o obxectivo co que traballamos no Goberno da Deputación".

O deputado provincial fixo balance das actuacións da Deputación en Vila de Cruces desde o 2015 e destacou neste senso que o concello ten recibido un investimento de preto de 5 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 652.754 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 34 obras; financiar 11 actividades socioculturais propias e abordar o pago a provedores e contratar a 51 persoas traballadoras con cargo ao Plan Concellos.

Pola súa banda, o alcalde, Luis Celso Taboada, destacou a importancia que este proxecto ten para Vila de Cruces, "porque nos dá un gran servizo". "Esta obra era unha gran necesidade, porque temos na zona os colexios, as piscinas, polo que é unha actuación que vai favorecer o tránsito peonil", sinalou, ademais de contribuír a "facer vida e facer pobo". "Cando tiñamos todo unido, para nós vai ser unha obra importantísima", destacou, ao tempo que agradeceu á institución provincial o tratamento que está a dar ao concello con actuacións como a visitada, "porque os concellos temos unha poboación dispersa e maior, e temos que dar todas as facilidades ás persoas maiores".