Noticias

Vigo e a súa comarca pechan o verán cunha ocupación hoteleira do 75%, a máis alta de toda a provincia

En setembro rexistraron un 68% de camas ocupadas, cun espectacular aumento de 32 puntos respecto ao ano pasado, e a previsión para a ponte de outubro é chegar ao 56%


30 setembro 2021

"Os datos turísticos son realmente extraordinarios e confirman que somos un destino resiliente e con enorme capacidade de recuperación". A presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou esta mañá a alta porcentaxe de ocupación hoteleira alcanzada durante o verán na provincia, que deixa datos moi positivos tanto na costa como no interior. No caso concreto da comarca de Vigo superouse no conxunto da temporada estival o 75% de camas ocupadas, a porcentaxe máis alta de todo o territorio provincial e que supón un incremento de máis de 24 puntos con respecto a 2020.

No caso concreto de setembro a taxa da comarca olívica foi do 68,5%, cun crecemento aínda maior: 32 puntos. Na provincia a media global de ocupación en setembro situouse no 52,5%, e na temporada completa chegou ao 66%. "Renovamos o liderado turístico en Galicia e consolidámonos como un destino top en todo o estado", subliñou a presidenta da Deputación ao facer balance da ocupación en todo o destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia.

A cidade de Vigo mellorou a ocupación media da comarca en setembro ao chegar ao 74%, mentres que no conxunto do verán alcanzou o 75,4%. Na contorna Baiona, un dos grandes polos turísticos do territorio, rexistrou o 67% de ocupación no último mes da temporada e o 80% no global do verán.

Ademais, as previsións son favorables de cara á ponte do 12 de outubro cando, segundo explicou a presidenta, se estima un 56% da ocupación hoteleira na comarca de Vigo, que no caso concreto da cidade ascende ao 62%, e no de Baiona ao 61%. No conxunto da provincia prognostícase unha media do 45% nesas datas.

A presidenta da Deputación destacou que o destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia "deu un salto moi importante con respecto ao ano pasado" no que á ocupación respecta e afirmou que "o sector é o máis potente de Galicia e un dos máis potentes do Estado".

Turismo rural e campings

Os bos resultados tamén se estenden aos aloxamentos de turismo rural e aos campings. A ocupación media das casas rurais de toda a provincia no verán foi do 66%, sete puntos máis que en 2020. No caso da comarca de Vigo a media de setembro neste tipo de aloxamentos colocouse no 45,4%, unha porcentaxe moi próxima á global (46%). As previsións para a ponte de outubro nas casas rurais da cidade e a súa contorna sitúanse no 56%. No que respecta aos campings a media de ocupación na comarca de Vigo en setembro foi do 30%, mentres que no conxunto do verán ascendeu ao 58,4%, dous puntos por riba do global da provincia.

O Morrazo, O Baixo Miño e O Condado-A Paradanta

A temporada tamén deixou boas novas nas demais comarcas do sur da provincia, que encamiñan outubro con boas perspectivas. A ocupación hoteleira no Morrazo foi do 73% no conxunto do verán, once puntos máis que en 2020, mentres que en setembro a taxa foi do 49% (+13 puntos). Para a ponte do Día da Hispanidade agárdase chegar ao 40% nesta comarca. As casas de turismo rural do Morrazo rexistraron un 56% de ocupación en setembro, oito puntos máis que en 2020, e para outubro espérase repetir esta porcentaxe. Os campings situáronse no 32% en setembro e a media da temporada pasou do 81%.

No Baixo Miño a ocupación hoteleira en setembro foi do 50,4%, dezaoito puntos máis que en 2020, e no conxunto do verán do 68% (+20 puntos). Para a ponte a previsión é alcanzar o 47%. As casas de turismo rural desta comarca obtiveron o 52% en setembro e para a ponte de outubro agárdase que superen o 75%. En canto aos campings rexistraron unha media do 27% nos meses do verán.

No Condado – A Paradanta a ocupación hoteleira de setembro foi do 34%, doce puntos máis que en 2020, e na temporada do 50% (+17 puntos). Para a ponte a previsión é dun 28% nesta comarca. As casas de turismo rural obtiveron un 40,5% en setembro e para o 12 de outubro agárdase chegar ao 71%. No caso dos campings a ocupación no último mes do verán foi do 15% e na temporada do 50%.

"Sigue o teu instinto" busca ser a Mellor Película Turística do Mundo

O vídeo da campaña turística da Deputación de Pontevedra en 2020, "Sigue o teu instinto", xógase o título de Mellor Película Turística do Mundo no Premio do Público do CIFFT (Comité Internacional de Festivais de Películas Turísticas). A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo "un chamamento á cidadanía para pedir un gran favor para a provincia e para o noso sector turístico: voten o vídeo como se non houbera mañá", xa que, sinalou, "xogamos de novo na Champions League. Votándoo conseguiremos que o vídeo se vexa en todo o mundo e será unha campaña de promoción internacional que non teríamos recursos para acometer". As votacións abren mañá, 1 de outubro, e pecharán o vindeiro 25 de outubro na web do CIFFT.

Agora mesmo "Sigue o teu instinto" lidera a categoría de Produto Turístico do CIFFT cos galardóns acadados co voto do xurado: 34 fronte aos 29 obtidos polo vídeo que ocupa o segundo lugar e os 25 do terceiro posto. O vídeo, producido por Esmerarte, segue a estela de "Fame de experiencias?", que en 2020 obtivo 14 premios internacionais e tamén foi o vídeo que obtivo máis puntos na categoría de Produto Turístico do CIFFT. Polo de agora xa acadou 8 galardóns, dous deles aínda non públicos. No Premio do Público do CIFFT competirá a partir de mañá fronte a 40 candidaturas de todo o mundo. "Votar é traballar polo futuro da nosa provincia e por que teñamos un destino cada vez máis internacional", valorou a presidenta.