Noticias

Vigo acolle a última proxección do documental sobre Francisco Leiro ‘Sísifo confuso'

Terá lugar o vindeiro xoves na praza da Estrela, ás 22 horas, e contará cunha actuación en directo de Lucía Martínez


17 xullo 2018
Documental sobre Francisco Leiro Sísifo Confuso

A Deputación de Pontevedra finaliza este xoves en Vigo as proxeccións do documental Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro en tres espazos da provincia nos que se acolle obra de Francisco Leiro. A cita terá lugar o xoves día 19, ás 22 horas, na praza da Estrela, espazo en que se sitúa a peza O Nadador. As dúas proxeccións anteriores tiveran lugar na praza de Ramón Cabanillas de Cambados, que acolle a súa peza Baco, e na Illa das Esculturas de Pontevedra onde está colocada Saavedra. Zona de descanso, situada na mesma canle do río Lérez.

Este conxunto de proxeccións forman parte, segundo manifestou o deputado de Cultura Xosé Leal, dunha iniciativa coa que se pon en valor e se visibiliza a obra e a figura dun artista de recoñecido prestixio internacional, ao tempo que se promove un diálogo entre o propio documental e a obra civil do artista. O nacionalista Xosé Leal tamén salienta a especial relación da obra de Francisco Leiro coa cidade de Vigo xa que, ademais de O Nadador, un dos traballos máis singulares do escultor, tamén acolle a coñecida peza O Sireno, un referente xa da cidade olívica.

O público que acuda á proxección, ademais de poder visionar un documental que foi proxectado en moi poucas ocasións, tamén poderá gozar dunha intervención artística a cargo de Lucía Martínez, a responsable da música na cinta, quen realizará unha performance na que combinará música en directo, vídeo e sons das ferramentas de Francisco Leiro previamente gravados. Esta proxección de Sísifo confuso contará coa presencia tanto do director da peza, do produtor, co montador e coa autora da banda sonora. Ela e eles, finalizada a exhibición da cinta, participarán nun debate co público asistente e interesado no proceso de creación.

Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro é o resultado de máis de tres anos documentando e filmando o día a día de Leiro nos seus espazos de traballo: os seus obradoiros en Cambados, Madrid e New York. Supón ademais a primeira vez que o artista permitiu que un equipo de rodaxe entrara nos seus lugares de creación polo que este proxecto permite coñecer, desde un punto de vista íntimo e moi persoal, o traballo do escultor cambadés.

O documental, que data de 2016, está producido por Arraianos Multimedia e dirixido por Aser Álvarez. Desde entón foi exhibido en moi poucas ocasións e sempre en contextos de festivais de cine ou audiovisual. A súa estrea fora en Londres, no Raindance Film Festival, en outubro de 2016 e posteriormente pasou polo Krafta Doc Internnational–Art Making Film Festival de Glasgow, e polo Festival Internacional de Cine Digital Experimental de Espacio Enter Canarias de Tenerife. Na Galiza participou no Festival Primavera do Cine de Vigo e na Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Está previsto que no mes de setembro, o día 10, se proxecte no prestixioso Hay Festival de Segovia.

Francisco Leiro, un dos artistas galegos con máis proxección internacional de hoxe en día, naceu en Cambados nunha familia de ebanistas e carpinteiros. A súa obra comezou a salientar no circuíto internacional da arte a mediados da década de 1980, sobre todo en países como Brasil, Australia, Italia ou Holanda. No ano 1990 asina contrato de exclusividade coa Malborough, unha das galerías de arte máis prestixiosas do mundo. Actualmente, Francisco Leiro vive e traballa a cabalo entre New York, Madrid, e Cambados –ten o obradoiro en Corbillón– e soe traballar materiais moi diversos como a pedra, a madeira, o mármore ou o bronce.