Noticias

A VI edición do programa da Deputación "Practicum Depo" porá en marcha máis de 100 mobilidades en europa para alumnado e docentes de FP

Carmela Silva: "A formación ten que ser a gran prioridade, non podemos mirar a outro lado aínda que esteamos nunha situación de pandemia"


29 agosto 2020
Xunta de Goberno - Practicum Depo

"A formación ten que ser a grande prioridade, non podemos mirar a outro lado aínda que esteamos nunha situación de pandemia". Baixo esta premisa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da xeración de crédito para o programa "Practicum Depo 2020", aprobada este venres pola Xunta de Goberno do ente local. "Temos que seguir poñendo en marcha proxectos de formación para todo o alumnado", polo tanto, este Practicum Depo "levarase a cabo con todas as medidas e garantías". Para esta nova edición do programa o ente provincial aporta 162.976 euros do total do orzamento, que ascende a 734.027 euros. O resto da contía, 571.051 euros, é aportada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), adscrito ao Ministerio de Universidades.

A través desta sexta edición de "Practicum Depo" poranse en marcha 96 mobilidades de alumnas e alumnos e 11 de formación de persoal docente. No programa participan 37 centros educativos de 21 concellos da provincia, que enviarán ás e aos participantes en Practicum Depo 2020 a países como Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Alemaña, Grecia, Finlandia e Países Baixos durante os 24 meses que durará esta iniciativa.

Carmela Silva lembrou que "o obxectivo deste programa é levar a cabo a mobilidade de estudantes graduados de Formación Profesional de ciclos medios co fin de colaborar na súa integración no mundo laboral, a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras. Do mesmo xeito, o programa tamén serve para que os profesorado poida beber de novas fontes de coñecemento para poder aplicalas despois nas aulas da nosa provincia".