Noticias

Valencia sumarase á Rede de Cidades Amigas da Infancia tras coñecer a experiencia de Pontevedra

O concelleiro delegado de Mobilidade Sostible de Valencia, Giuseppe Grezzi, anunciou que solicitará a adhesión a esta rede tras coñecer o proxecto de primeira man nun encontro co vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e co asesor provincial en Mobilidade, Jesús Fole


05 abr 2016
Valencia

"O Ajuntament de València sumarase á Rede de Cidades Amigas da Infancia, que agrupa as urbes, tanto vilas coma cidades, que adoptan medidas para garantir as necesidades dos nenos e nenas, que son considerados como parámetro das necesidades do conxunto da cidadanía"; este anuncio foi realizado esta mañá polo concelleiro delegado de Mobilidade Sostible de Valencia, Giuseppe Grezzi, tras coñecer da man do vicepresidente provincial, César Mosquera, a filosofía que rexe esta iniciativa, baseada nas investigacións do sociólogo e pedagogo Francesco Tonucci.

Guiseppe Grezzi, tras visitar xunto a César Mosquera a adaptación a zona peonil do contorno da Lonja de Valencia, anunciou que o equipo de goberno municipal ampliará as zonas para peóns nesa cidade, con accións coma a pacificación do tráfico que xa se levaron a cabo nas contornas da Lonja e do Mercado Central e que, en breve, se ampliarán a outras zonas da mesma cidade, entre as que citou a rúa de Serranos.

Durante o percorrido Mosquera explicou o modelo de pacificación do tráfico previsto para toda a provincia de Pontevedra e que parte da experiencia xa implementada en Pontevedra cidade, remarcando que foi un modelo premiado e galardoado internacionalmente "pola súa política de recuperación do espazo público de calidade". Sinalou, ademais, que "Valencia persegue o mesmo fin, o de crear unha cidade cómoda, amable, segura e accesible", polo que animou o representante municipal a sumarse ao proxecto de Cidade Amiga da Infancia.

"O noso obxectivo foi conseguir un medio ambiente urbano san para a especie humana, que é a que habita as cidades", manifestou o vicepresidente, que tamén afirmou que "unha cidade sa e segura para os nenos tamén é segura para os adultos". César Mosquera salientou que as cifras de sinistros ocasionados por vehículos que circulan polas rúas e a percepción de perigo que xera o tráfico nas cidades hoxe en día é "enorme", e, ao fío disto, indicou que para rematar con esta realidade en Pontevedra se reduciu un 80 % o tráfico. "Melloramos a mobilidade motorizada cando esta era necesaria e disuadímola cando non o era, cunha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora, que se traduce nunha sensación de perigo mínima para o peón".

O encontro desta mañá do vicepresidente de Pontevedra co concelleiro de Mobilidade Sostible de Valencia enmárcase na visita que realiza a esta cidade unha delegación do ente provincial para participar na xornada "Planes de Movilidad Urbana Sostenible. El papel del coche en la nueva movilidad". Os representantes da Deputación de Pontevedra exporán as principais liñas de calmado do tráfico e de seguranza viaria que se contemplan no plan de mobilidade provincial e que toman como punto de partida as actuacións realizadas neste ámbito na cidade de Pontevedra.

Intervirán nunha mesa de intercambio de experiencias -prevista entre as 12:00 e as 14:00 horas- para expoñer o modelo pontevedrés, compartindo relatorio con representantes dos concellos de Madrid, Barcelona, Valencia e Vitoria-Gasteiz. O papel do coche na nova mobilidade será un dos aspectos máis relevantes que se van tratar nesta cita, abordando estratexias para reducir o seu uso e fomentar medidas de racionalización do tráfico e unha nova repartición e reorganización dos espazos públicos. Neste apartado é onde a organización da xornada estimou necesaria a presenza de representantes do modelo de mobilidade de Pontevedra por considerar que é unha das cidades do Estado que xa ten consolidado un proceso de cambio, e que mesmo o está ampliando ao resto das vilas da provincia a través do Plan MOVESE. Ademais do papel do coche na seguridade das cidades, tamén se exporán resultados contrastados tras aplicar técnicas de calmado de tráfico e se abordará a integración da seguranza viaria na planificación da mobilidade.