Noticias

Uxío Benítez reivindica que o territorio transfronteirizo do Miño reciba fondos específicos do Plan de recuperación económica pos-COVID-19

O deputado de Cooperación Transfronteiriza destaca que a pandemia tivo un dobre impacto negativo na ‘raia' ao sumar o peche férreo da fronteira á crise económica xeral


08 outubro 2020
Plan recuperación Minho

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, reivindicou hoxe, despois da presentación do Plan de recuperación económica pos-COVID-19, que o territorio transfronteirizo do Río Miño debe recibir fondos específicos para mitigar o impacto da pandemia. Segundo destacou o tamén vicedirector do AECT Rio Minho, os concellos da ‘raia' galego portuguesa estiveron dobremente impactados pola COVID-19, xa que á crise económica xeral houbo que sumar os problemas derivados do peche férreo da fronteira entre o sur de Galiza e o norte de Portugal o 17 de marzo, durante o estado de alarma.

Benítez reclamou que o Plan de recuperación debe recoller unha liña específica que trate a problemática da fronteira e ter en conta ás organizacións de cooperación transfronteiriza e aos concellos para xestionar fondos e minimizar o dobre impacto na actividade económica do territorio do Miño. "É nos concellos de contacto entre países onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces", indicou, ao tempo que destacou que as eurocidades e as AECTs de ámbito subrexional son as máis indicadas para a xestión da pos pandemia sen menoscabo da necesaria cooperación nos niveis rexional e estatal.

Neste sentido, o deputado nacionalista sinalou que o instrumento máis adecuado para o desenvolvemento do territorio é o Investimento Territorial Integrado (ITI). Este é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de combinar fondos europeos dun ou máis programas con fondos locais, rexionais e estatais para garantir un mellor resultado na posta na práctica dunha estratexia conxunta de desenvolvemento. Neste sentido, destacou que é preciso que se aclaren as vías de interlocución e acceso aos fondos europeos para entidades públicas non autonómicas.

Benítez lembrou que nestes momentos o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Miño está a desenvolver da man da Universidade de Vigo un estudo sobre as consecuencias da pandemia no territorio transfronteirizo, poñendo ás claras cal foi o impacto do PIB nos concellos da ‘raia'.

O nacionalista fixo fincapé en que a crise derivada da promulgación do estado de alarma en España e mais a do estado de emerxencia en Portugal xunto co peche da fronteira común tivo un considerable impacto, de efectos moi negativos, sobre a cidadanía de ambas as beiras do Río Miño Transfronteirizo.

Insistiu en que o peche de fronteiras veu alterar radicalmente, como nunca nos últimos 30 anos, a vida dos habitantes do territorio fronteirizo galego-portugués, tronzando literalmente pola metade a súa realidade cotiá. Así, citou entre os principais prexuízos a alteración da actividade laboral para as persoas traballadoras transfronteirizas polo incremento de distancia, tempos e custos de desprazamento necesarios para acudir ao posto de traballo por mor da limitación de pasos fronteirizos.

Puxo de manifesto os negativos efectos económicos, tanto pola limitación das relacións laborais e comerciais, con redución de ata un 70 % de clientes, perda de empregos ou dificultade de subministración en determinados negocios, como polos custos extraordinarios derivados dos desprazamentos ata o único paso aberto ou pola necesidade de alugar residencias provisionais; así como a imposibilidade de uso de servizos de carácter esencial, ben no ámbito educativo (escolarización) ou sanitario (consultas médicas e veterinarias), situados do outro lado da fronteira.

Tamén lembrou a indispoñibilidade de servizos ou equipamentos de carácter deportivo, comercial de ocio e cultural, accesibles do outro lado da fronteira, as graves dificultades para relacións e coidados familiares (familias separadas, persoas maiores desatendidas,…) e o impacto no sector primario: na agricultura (exportación de planta dos viveiros, comercialización do viño e kiwi...)  e pesca fluvial (lamprea).

Benítez lembrou a loita das alcaldesas e alcaldes da zona, liderados polo AECT, para reabrir as fronteiras pechadas en marzo e facilitar a vida á cidadanía da zona e destacou que se traballarán todos os frontes (administrativos e reivindicativos) para que o territorio da fronteira non "volva ser o gran esquecido".