Noticias

Uxío Benítez recibe ao alcalde de Pazos de Borbén para priorizar melloras nas vías provinciais do municipio

O deputado comprometeuse a negociar con Fomento a construción dunha glorieta para conectar A EP-2702 coa N-550 no Alto dos Valos


28 xuñ 2016
Infraestruturas Pazos de Borbén

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, coa fin de coñecer as prioridades de actuación do concello para as vías provinciais dentro do municipio. O responsable provincial asegurou que a Deputación  verá as posibilidades para elaborar un proxecto de mellora da visibilidade e seguranza viaria no cruce entre a estrada Amoedo- Os Valos e o acceso á igrexa de Nespereira, así como a posible urbanización desa estrada no treito no que coincide co núcleo urbano. Así mesmo, Benítez comprometeuse a negociar co Ministerio de Fomento a construción dunha glorieta no entronque entre a mencionada vía e a N-550 no Alto dos Valos.

Benítez recibiu a Iglesias para falar da situación actual das estradas de titularidade da Deputación no municipio. Acudiu acompañado do representante veciñal José Manuel González, quen aportou datos sobre unha das obras solicitadas. Segundo explicou o rexedor, o concello considera prioritaria e de necesidade inmediata a mellora da intersección entre a estrada EP-2702 e o acceso á igrexa de Nespereira, xa que o cruce presenta visibilidade escasa. Benítez indicou que a Deputación está disposta a elaborar un proxecto de mellora, xa que un dos veciños da zona se mostrou disposto a ceder os terreos precisos para facer unha nova incorporación á pista  da igrexa.

Por outra banda, tamén se falou da necesidade de mellora do treito desa mesma vía que pasa polo núcleo de Nespereira. Alí hai moito tránsito, xa que a estrada é utilizada para ir de Porriño cara a Pazos de Borbén sen pasar por Redondela. "Estamos dispostos a estudar unha actuación singular que garanta a seguridade viaria e a mobilidade peonil no treito máis urbano. Entendemos que o alcalde queira priorizar a actuación neste treito e a súa petición será tida en conta", manifestou o deputado de Mobilidade.

Finalmente, e tamén en relación coa EP-2702, Uxío Benítez comprometeuse a iniciar conversas co Ministerio de Fomento para construír unha rotonda que enlace a vía provincial coa N-550. "Queremos negociar a posibilidade de incluír a construción desta glorieta no marco das negociacións xerais que abriremos co Ministerio, xa que é fundamental tamén para unha correcta seguranza viaria", sinalou o representante provincial.

Pazos de Borbén conta con cinco estradas provinciais (Pazos-Hermida, Amoedo-Os Valos, Pazos-Ponteareas, Sequeiros-Cuartos de Borbén e Pazos-Borbén), que suman preto de 30 quilómetros.