Noticias

Uxío Benítez recibe ao alcalde de Cotobade para falar da mobilidade nas vías provinciais do municipio

O deputado provincial confirma que a Deputación realizará varias obras de calmado de tráfico e seguranza viaria no concello ao abeiro do Plan MÓVESE


05 mai 2016
Alcalde de Cotobade

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, para falar da mobilidade nas vías provinciais do municipio. O nacionalista destacou que a prioridade da institución provincial nestes momentos é garantir a seguranza viaria cun correcto mantemento da rede de estradas de titularidade provincial, así como coa execución de obras ao abeiro do Plan MÓVESE. Neste sentido, asegurou que Cotobade contará lombos e redutores de velocidade nas localizacións que foron solicitadas polo concello.

O deputado e o alcalde, acompañados pola nova directora de Mobilidade provincial, Isabel Pardo de Vera, mantiveron unha primeira toma de contacto e citáronse para un posterior encontro no que afondar sobre as futuras actuacións en Cotobade, concretando as posibilidades de mellora que os veciños da zona teñen solicitado ao rexedor. En calquera caso, Benítez lembrou que o novo goberno provincial vén de aprobar un decálogo de criterios de actuación nas vías provinciais no que destaca a prioridade para os desprazamentos peonís.

O Concello de Cotobade conta con nove estradas provinciais que teñen case 35 quilómetros de lonxitude: a EP-0401 Carballedo-Caroi, a EP-0402 Caroi-A Lama, a EP-0403 Carballedo-Rebordelo, a EP-0404 Viascón-Cuspedriños, a EP-0405 Xesteira-Almofrei, a EP-0406 Vilanova-Tenorio, a EP-0407 Borela-Pontecaldelas (compartida co concello veciño), a EP-0412 Parada-Tenorio e a EP-0413 Paraños-Piscifactoría. Nos últimos anos pasaron a ser de titularidade municipal outras catro vías (Paraños-Trabazo, Carballedo-Trabazo, Igrexa-Loureiro e Paciños Mataporcos).