Noticias

Uxío Benítez entrega unha máquina limpapraias á mancomunidade do Morrazo

O deputado de Mobilidade aplaude o acordo dos concellos morracenses -e de Sanxenxo e O Grove- para xestionar a maquinaria provincial de forma conxunta todo o verán


27 xul 2016
Máquina limpapraias

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, fixo hoxe entrega dunha das máquinas limpapraias da Deputación de Pontevedra aos representantes da mancomunidade do Morrazo. A máquina quedará na comarca durante todo o verán para o seu uso coordinado entre os diferentes municipios, cumprindo cos novos criterios de reparto aplicados dende o mes de abril. 

"Como boa parte da maquinaria da Deputación o anterior goberno viña facendo un uso totalmente partidista determinando a quen entregaban as máquinas, xunto a persoal propio da institución, en función de ‘amiguismos', intereses particulares e vendendo favores. Cando chegou este novo goberno o que fixemos foi poñer toda a maquinaria da Deputación a traballar nas estradas provinciais e, en relación ás catro máquinas limpapraias, o que se determinou foi realizar unha reorganización e un reparto racional", explicou Benítez. 

Así, o 22 de abril, remitíuselle a todos os concellos de costa da provincia unha carta explicando que a Deputación poría a disposición as catro máquinas limpapraias provinciais e o novo procedemento para o seu uso. Para poder utilizalas, acordouse que os concellos deben enviar  unha solicitude para que, por orde de chegada, se foran entregando por un prazo de 15 días prorrogables outros 15 máis baixo petición e dispoñibilidado.

Segundo explicou Benítez, ocorreu que algúns concellos transmitiron a posibilidade de agruparse entre eles para disfrutar da cesión dunha máquina con carácter permanente e, ante a situación, a Deputación aceptou. "Parécenos unha boa fórmula que haxa acordos entre municipios porque defendemos a autonomía dos concellos para organizarse. Decidimos ceder esta máquina indefinidamente á mancomunidade do Morrazo para que os concellos con máis praias se organicen de forma autónoma", explicou o deputado, quen sinalou que esta fórmula resulta moi operativa en canto á rapidez do traballo, xa que a maquinaria está no lugar de destino. 

Desta maneira, Bueu, Cangas e Moaña realizarán un calendario de quendas para usar a máquina e dar servizo ás praias que teñen facilidade de acceso. No caso de Moaña son os areais de A Videira, O Con, A Xunqueira e O Canario; en Bueu son Portomaior, Agrelo, Pescadoira, Banda do Río, Beluso e Area de Bon; e en Cangas son Rodeira, Areamilla, Liméns, Santa Marta, Nerga, Areabrava, Vilariño, San Cibrán, Menduiña e Carrabal, se ben tamén se pretende probar en Arnelas. O resto das praias, por ser enclaves naturais protexidos ou por dificultade para entrar co tractor, é preciso facer unha limpeza a man. 

Sanxenxo e O Grove

Igual que no Morrazo sucedeu tamén no Salnés, onde os concellos de Sanxenxo e O Grove se entenderon entre eles dous e propuxeron outra cesión. A máquina xa lle foi entregada o pasado día 23 de xuño e estará nos areais sanxenxinos e grovenses ata o 23 de setembro. 

As outras dúas máquinas da Deputación vanse entregando en función das peticións dos concellos que as solicitan. Os únicos requisitos para a cesión consisten en que o concello se faga responsable de respectar o contorno ambiental, de obter os permisos, realizar a sinalización pertinente e respectar a ocupación de terreos e bens particulares afectados, así como de subministrar o persoal e o combustible necesario para o uso. A Deputación encárgase de entregar a máquina no lugar solicitado.