Noticias

Uxío Benítez e a alcaldesa de Moaña reúnense para analizar a mellora das vías provinciais no concello

O deputado de Mobilidade e os técnicos provinciais valorarán posibles reformas integrais nas catro estradas de titularidade da Deputación


25 mai 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, para analizar a mellora das catro vías provinciais existentes no concello. A rexedora expuxo a posibilidade de realizar reformas integrais en todas as estradas, se ben solicitou melloras urxentes de calmado do tráfico e seguranza viaria para a EP-1102 Meira-Fraga a través do Plan MÓVESE. As peticións foron recollidas polo representante provincial acompañado da directora de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera, que se comprometeron a valoralas.

Uxío Benítez explicou a Santos que o mantemento das estradas provinciais é unha das prioridades do novo Goberno provincial, polo que lle indicou que se prevén actuacións de limpeza e roza de cunetas, así como outras melloras por parte das brigadas nas vindeiras semanas no concello do Morrazo. Desta forma, o deputado deu resposta a unha das peticións da alcaldesa, xa que compartía a preocupación por garantir unha correcta seguranza viaria polo menos mediante traballos de sostemento básicos.

Como actuación máis urxente, Santos solicitou tamén a execución de diferentes melloras de sinalización na estrada provincial que une Meira e Fraga, ademais da colocación de biondas nos treitos nos que non existen e a reposición das que están en mal estado de cara á celebración da ‘Subida á Fraga' no mes de outubro.

Por outra banda, Benítez recolleu as peticións de reforma integral para as demais estradas provinciais. No caso da EP-1104 entre Moaña e Coiro, a alcaldesa expuxo que hai un treito urbanizado con beirarrúas por un lateral para despois pasar a outro no que a sección é moi escasa e logo volve a ampliarse. Instou, así, a buscar a posibilidade dun tratamento global para toda a vía coa finalidade de mellorar a seguranza viaria nesta travesía urbana.

En canto á EP-1101 Moaña-Berducedo, a alcaldesa recoñeceu que se trata dunha vía con difícil solución para mellorar a mobilidade dada a existencia de casas pegadas á estrada. Os técnicos da Deputación tratarán de buscar a proposta máis acertada para poder garantir unha correcta coexistencia dos tránsitos de vehículos e peonís.

Finalmente, en relación á EP-1103 (San Benito-Domaio), solicitouse tamén unha actuación integral, se ben se insistiu na necesidade de mellora para a ‘curva de Mo' e o treito que chega á capela, cunha composición máis urbana.

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou á alcaldesa que os técnicos provinciais estudarán as propostas expostas por parte do concello e serán valoradas de forma económica para poder facer unha priorización de actuacións.