Noticias

Uxío Benítez comprométese a negociar e consensuar co Concello de Poio solucións de mobilidade e seguranza viaria para a estrada de Campelo

O deputado de Infraestruturas sinala a importancia de garantirlle unha mobilidade segura á veciñanza que transita a pé pola vía


23 out 2015

O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, anunciou hoxe o compromiso da Deputación de Pontevedra de negociar e consensuar co Concello de Poio solucións de mobilidade e seguranza viaria para a estrada de Campelo. Así o asegurou logo da celebración da Comisión de Infraestruturas provincial, na que se debateu a moción do grupo provincial do Partido Popular sobre a estrada e se votou por unanimidade logo de modificar a parte resolutiva do texto.

O acordo de todos os grupos (PSOE, BNG, PP e Marea) referendarase no Pleno provincial do vindeiro mércores día 28. O novo texto da moción establece que "a Deputación de Pontevedra asume como actuación prioritaria a mellora da estrada de Campelo e comprométese a negociar e consensuar co Concello de Poio as solucións de mobilidade e seguranza viaria a aplicar". Deste xeito, a institución provincial "demostra a súa implicación na busca dunha solución aos veciños do Concello de Poio, que nestes momentos teñen que transitar polo arcén da vía cos conseguintes problemas de seguranza viaria".

A estrada de Campelo é unha vía de titularidade provincial (EP-0601) cun tramo conflitivo de 1,6 quilómetros (3,5 quilómetros en total) que une Portosanto, o núcleo urbano de Campelo, coa C-550. Ten un ancho de entre seis e sete metros e carece de beirarrúas polas que poidan transitar os peóns. Trátase dunha construción a través da que se accede a moitos núcleos de centralidade do lugar, coma o propio centro de saúde, o colexio e incluso a igrexa. Calcúlase que uns 2.000 veciños transitan por ela diariamente.

Mellora do proxecto de actuación

A mellora da estrada de Campelo é unha demanda histórica do Concello de Poio. Ata o de agora a Deputación de Pontevedra non aceptara ningún acordo por escrito que confirmase a súa implicación na reforma da vía. Pola súa banda, o Concello de Poio xa redactara un proxecto e está pendente de poñer a disposición os terreos.

O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, lembra que a nova Deputación de Pontevedra ten entre os seus eixes de goberno centrar as actuacións nas persoas, co fin de garantir unha correcta mobilidade que resolva os problemas dos peóns nos seus tránsitos diarios. Benítez tamén indicou que a seguranza viaria é outra cuestión clave do traballo dos vindeiros catro anos, polo que lle tendeu a man ao Concello de Poio para traballar en conxunto e buscar as solucións máis axeitadas. De feito, subliñou o traballo que está a realizar o novo asesor provincial de mobilidade á hora de colaborar cos concellos e deixou ver a posibilidade de "mellorar o proxecto existente para a estrada de Campelo para ter en conta certos criterios básicos en materia de mobilidade e accesibilidade".