Noticias

Uxío Benítez atende as peticións sobre mobilidade da alcaldesa de Oia

O deputado de Mobilidade enviou as brigadas e máquinas da Deputación para conter un corremento de terras na estrada provincial que vai a Baiona


21 abr 2016
Alcaldesa de Oia
Alcaldesa de Oia

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa Pombal, para atender as súas peticións en materia de infraestruturas viarias. O nacionalista deu a orde de enviar as máquinas da Deputación de inmediato ao ter coñecemento dos problemas ocasionados por un corremento de terras na vía provincial que vai a Baiona (EP-2202). Así mesmo, asegurou que os técnicos provinciais buscarán solución aos problemas de execución das obras nesa mesma estrada no lugar de Burgueira.

Benítez, ante a incidencia do corremento de terras, deu orde inmediata para que a brigada de actuación número 8 se fixese cargo de limpar a zona e consolidar a ladeira, actuación que xa se fixo na mañá de onte. Así mesmo, mañá trasladarase á zona un camión grúa do parque de maquinaria provincial para rematar o traballo.

Relacionada con esa mesma vía, que conecta os concellos de Baiona e O Rosal a través de Oia, está a actuación que a rexedora solicitou para resolver as deficiencias das últimas obras que fixo o anterior goberno provincial. O deputado de Mobilidade, ao coñecer que os problemas de execución afectan os veciños -incidindo nas súas propiedades- comprometeuse a emendar os traballos, localizados nas inmediacións da igrexa, no lugar de Burgueira. Así, buscarase unha solución para estabilizar un muro e derivar as augas que se están a filtrar a unha propiedade actuando na cuneta da vía.

Por outra banda, o responsable de Mobilidade instou a Correa Pombal a solicitar actuacións da Deputación de Pontevedra para o concello de Oia ao abeiro das próximas fases do Plan MOVESE, xa que este goberno local da comarca do Baixo Miño non presentou ningunha solicitude de obras no prazo aberto a primeiros deste ano. Benítez lembrou que máis de 40 concellos solicitaron a instalación de pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial para reducir a velocidade do tráfico e a sinistralidade.

O concello de Oia ten no seu territorio tres vías provinciais: a EP-3201, de acceso ao embarcadoiro de Oia; a EP-3202, entre Oia e Torroña; e a EP-2202, que conecta os concellos de Baiona e O Rosal. En total suma máis de 20 quilómetros de estradas de titularidade da Deputación de Pontevedra.