Noticias

Uxío Benítez anuncia que as obras do muro de contención na estrada Bueu-Cela realizaranse por vía de emerxencia

O deputado de Mobilidade indica que os traballos, que terán un orzamento aproximado de 180.000 euros, deben estar rematados canto antes


29 xul 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que as obras de construción do muro de contención do noiro da EP-1304 entre Bueu e Igrexario de Cela se realizarán por vía de emerxencia. O deputado asinou no día de hoxe o informe para que o procedemento administrativo se execute coa maior celeridade e que os traballos poidan estar rematados canto antes (a primeiros de outono).

Segundo explicou Benítez, nestes momentos estanse a realizar os trámites burocráticos no departamento de Contratación e agárdase que o inicio das obras sexa inminente. A intención é construír un muro de contención con puntos de ata 10 metros de altura (medida que variará en función do estado da cimentación) e dunha lonxitude de ata 200 metros, e repoñer o terraplén existente. O orzamento provisional roldará os 180.000 euros, se ben a actuación axustarase economicamente con posterioridade en función dos imprevistos que xurdan, xa que a estrada leva en deterioro progresivo dende o inverno.  

O informe técnico que xustifica a emerxencia da actuación sinala que a vía está danada seriamente "con ameaza de derrube inminente", o que provoca un grave risco para a seguranza viaria, tendo en conta ademais o desnivel existente entre a vía e a zona baixa.  "Non é posible garantir a seguridade viaria no treito afectado polo que se fai preciso comezar os traballos de emerxencia para reparar de forma inmediata o punto sinalado, consolidar a traza e evitar a súa ruína completa. (…) Faise necesario reconstruír a estrada ata a súa cota inicial", asegura o documento. 

Cabe lembrar que os temporais de choiva e vento con alerta vermella da pasada primavera produciron múltiples incidencias na rede de estradas provinciais. A partir de requirimentos do Concello de Bueu realizouse unha inspección no treito afectado, detectándose por parte dos técnicos provinciais un afundimento da vía. Como a zona estaba totalmente cuberta de maleza foi preciso contratar unha empresa especializada e, unha vez despexado o acceso, realizouse unha inspección pormenorizada, comprobándose as sospeitas de que a cota da estrada está baixando progresivamente.

Esta actuación da Deputación no treito entre PQ 0+600/PQ0+800 súmase á realizada antes do inverno pasado por outro problema de asentamento na vía. Entón, con maquinaria e medios propios da Deputación, consolidouse o firme para repoñer a rasante e eliminar as fendas existentes. Neste caso, os problemas chegaron por filtracións dun colector de saneamento instalado baixo a estrada, no que as tubaxes tiñan perdas e foran minando o asentamento da calzada. Isto creou tamén fendas na superficie polas que se filtraba auga de chuvia, que empeoraba a situación.