Noticias

Uxío Benítez anuncia que a Deputación iniciará a redacción do proxecto de mellora da estrada Viso-Hío

O deputado provincial de Mobilidade reuniuse hoxe coa concelleira de Vías e Servizos de Cangas, Mercedes Giráldez, para recoller as súas peticións en materia de infraestruturas viarias


03 mai 2016
Cangas

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe coa concelleira de Vías e Servizos de Cangas, Mercedes Giráldez, para falar das vías de titularidade provincial no concello do Morrazo. O responsable das infraestruturas viarias da Deputación de Pontevedra comprometuse coa concelleira a que o organismo provincial iniciará a redacción do proxecto para a mellora da estrada entre O Viso e Hío, xa que ata o de agora, segundo manifestou, "a pesares dos anuncios feitos pola anterior Corporación provincial non estaba feito".

Benítez destacou que se programará a redacción da mellora da vía sempre en coordinación co Concello de Cangas, "xa que dende a Deputación respectamos a autonomía dos municipios, que son os que coñecen as necesidades dos seus veciños". Así, o novo proxecto recollerá a instalación  dos servizos de recollida de augas pluviais, abastecemento, iluminación, redes e infraestruturas de telecomunicacións e electricidade, sinalización vertical e horizontal e outras melloras seguindo o decálogo de criterios para as vías provinciais que se aprobou no Pleno da Corporación provincial o pasado 29 de xaneiro.  Contemplarase, tal e como solicitou o Goberno local ao abeiro do Plan Móvese, a instalación de redutores de velocidade que melloren a seguranza viaria na zona.

Hai que lembrar que o anterior Goberno da Deputación aprobara en abril de 2015 un convenio de colaboración co Concello de Cangas para pavimentar e dotar de servizos a vía que dá acceso ás praias da parroquia do Hío. O investimento previsto para acometer as obras ascendía aos 1.050.958 euros, dos que a Deputación tiña previsto achegar 850.98 euros en 2015 e o Concello de Cangas 200.000 euros. "Ese convenio, como xa expliquei nun Pleno ao deputado Enrique Sotelo, non se desenvolveu: quedou parado. Non existe o proxecto dentro do servizo de Mobilidade, polo que nós poñerémonos a traballar nel para sacalo adiante", subliñou Benítez.

O tramo que vai do Viso ó Hío non ten beirarrúas en ningunha das marxes e soporta un intenso tráfico de vehículos, o que dificulta a circulación dos peóns. Así mesmo, existen varios estreitamentos moi pechados e pegados á calzada que incrementan a súa perigosidade para os tránsitos dos veciños e visitantes.

Outra das cuestións que estivo sobre a mesa no encontro entre o deputado e a concelleira de Cangas, ao que tamén asistiu a nova directora provincial de Mobilidade, Isabel Pardo de Vera,  foi a situación da estrada de Coiro. Benítez escoitou as reclamacións da nacionalista e indicou que o seu departamento está traballando para poder darlle resposta aos requerimentos dos veciños.

O Concello de Cangas conta con doce vías provinciais, a maioría delas de acceso a praias, que suman case 29 quilómetros.