Noticias

Uxío Benítez anuncia o inminente inicio das obras da rolda Leste

A vindeira semana cortarase ao tráfico a ponte da Gándara sobre o río Rons para proceder á súa renovación


04 mai 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou hoxe que as obras da rolda leste, financiadas grazas ao convenio entre a institución provincial e o Concello de Pontevedra, comezarán de xeito inminente. Nestes momentos, logo de resolver cuestións administrativas que demoraron a tramitación, estanse a facer xa os traballos previos, tales como o levantamento topográfico e a asignación da dirección de obra e a coordinación de seguridade e saúde. Nos vindeiros días asinarase coa empresa a acta de replantexo. "É unha obra de máis de dous millóns de euros, polo que a tramitación levou tempo. Nas vindeiras semanas estarase xa executando", subliñou o deputado.

A firma que levará adiante os traballos é a empresa Elsan, pertencente ao grupo OHL. Preténdese que a nova estrada sirva para substituír o atallo que actualmente se emprega a través das rúas das Pereiras, as Olivas e Anxel Limeses, insuficientes para soportar o tráfico actual. No convenio, asinado en 2013, establécese que a nova infraestrutura servirá para dar acceso ao hospital de Montecelo e para mellorar a mobilidade na zona leste da cidade.

En liñas xerais, a actuación consiste na execución dunha vía dunha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación (de 3,50 metros cada un), con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros, así como unha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo.

O trazado iniciarase na glorieta existente construída na PO-542 dentro da obra de desdobramento da estrada O Pino-Bora. Tomará dirección norleste e, ascendendo cunha pendente máxima do 8,5%, alcanzará a estrada provincial, na que se levantará unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavizarase, discorrendo ata nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. Este entronque modificarase para realizar a nova conexión.

Ponte sobre o Río Rons

Por outra banda, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez tamén anunciou que o vindeiro luns comezarán as obras de renovación da ponte da Gándara sobre o río Rons. Estas obras implicarán o corte ao tráfico da estrada que pasa pola zona. A firma responsable da reforma é Narom e o orzamento inicial era de 130.535 euros.

Segundo o proxecto, aproveitaranse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, pero renovarase totalmente a lousa superior sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permitirá unicamente a circulación dun vehículo. Así mesmo, crearase un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construirase augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) e terá unha estrutura metálica  que soportará un pavimento e unha varanda de madeira tratada.

Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira. Finalmente, a actuación complétase coa sinalización horizontal e vertical. Preténdese mellorar visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedará limitada a 20 quilómetros por hora.


Novas relacionadas

Rolda Leste

08 agosto 2017, mosquera, rolda leste, deputación de pontevedra, hospital montecelo