Noticias

Uxío Benítez anuncia a convocatoria do "Plan camiña á escola"

Estará destinado á creación de espazos seguros na contorna de centros escolares situados nas inmediacións das estradas provinciais


22 marzo 2018
Huesca

"Nas vindeiras semanas faremos pública unha nova convocatoria para que os concellos da provincia poidan seguir avanzando en materia de seguranza en contornas escolares" anunciou o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, durante a posta en común de proxectos no grupo de traballo no que participou esta mañá, no marco do III Encontro da Rede Nacional de Cidades das Nenas e dos Nenos que está tendo lugar en Huesca. Segundo explicou o deputado nacionalista durante a súa intervención "este ‘Plan camiña á escola' virá complementar outras accións en materia de seguranza e mobilidade sustentable que xa se puxeron en marcha durante os últimos anos desde o Goberno provincial, como son o Plan Móvese e os Plans de Mobilidade sustentable". O deputado nacionalista participou nun grupo de traballo centrado na Mobilidade, onde explicou polo miúdo todas as actuación que vén realizando desde o seu departamento para estender por toda a provincia a filosofía do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, baseada en deseñar espazos seguros e á medida das nenas e dos nenos. Sobre a convocatoria do ‘Plan camiña á escola', o deputado nacionalista xa lle avanzou aos representantes dos concellos pontevedreses que participan no Encontro, que o vindeiro 11 de abril terá lugar unha xornada específica na Deputación de Pontevedra para dar a coñecer os detalles.

Hai que lembrar que neste encontro está a participar unha delegación pontevedresa formada por membros do Goberno provincial e por representantes dos concellos de Pontevedra, Tomiño, Ponteareas, Cambados, O Grove, A Guarda, Salceda de Caselas, Lalín e Ribadumia. A representación pontevedresa tamén tivo un gran protagonismo no comezo desta segunda xornada do Encontro. O propio Francesco Tonucci no seu relatorio marco, titulado ‘A transversalidade do proxecto da cidade dos nenos e as nenas nas políticas públicas', fixo continuas referencias ao modelo urbano de Pontevedra e a como a filosofía aplicada no deseño dos espazos públicos da cidade da capital se está estendendo ao resto da provincia. Entre este relatorio de apertura e as sesións dos grupos de traballo, a Rede Estatal mantivo unha xuntanza interna para decidir o lugar de celebración do vindeiro encontro, resultando elixida Fuerteventura coa maioría dos votos. Será o IV Encontro da Rede Estatal e terá lugar a comezos de 2019.

A sesión desta mañá tamén incluíu unha mesa redonda sobre ‘A participación infantil presente e transversal en todas as políticas públicas', na que interviñeron Chiara Belingardi (urbanismo), Carlos Pardo (saúde), Daniel Macenlle (mobilidade), Francisco Bergua (medio ambiente) e Mar Romera (escola), seguida dos correspondentes grupos de traballo. Pola tarde, despois das conclusión e posta en común dos citados grupos de traballo, o encontro finalizará cunha conferencia aberta ao público de Francesco Tonucci sobre "A autonomía dos nenos, un dereito e necesidade para eles e un recurso para a escola e a cidade", á que asistirá toda a delegación pontevedresa.

Hai que lembrar que a delegación da provincia de Pontevedra é a máis numerosa das que asisten a este III Encontro e que está conformada polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, pola deputada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, pola deputada de Deportes, Chelo Besada, o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o alcalde e a concelleira de Educación da Guarda, Antonio Lomba e M.ª Elena Baz, as concelleiras de Benestar e de Ensino de Ponteareas, Verónica Carrera e Cristina Fernández, a concelleira de Cultura de Salceda de Caselas, Teresa Pérez, a concelleira de Infraestruturas do Grove, M.ª Ángeles Domínguez, o tenente de alcalde e a concelleira de Cultura de Lalín, Nicolás González e Lara Rodríguez, o concelleiro de Educación de Ribadumia, Enrique Oubiña, o técnico de urbanismo de Cambados, Antonio José Espinosa, e o policía local de Pontevedra, Jesús Javier Cal.

Vídeos