Noticias

Unha vintena de empresas interésanse polo concurso do proxecto de musealización dos xacementos castrexos da provincia

Técnicos da Deputación e das empresas fixeron hoxe un percorrido por Monte do Castro, A Lanzada e Agro Vello


13 xan 2016
Preto de 20 empresas interesadas no proxecto dos castros

Case unha vintena de empresas participaron hoxe nun percorrido por tres xacementos castrexos da provincia, co obxectivo de recibir información "in situ" sobre o concurso para o proxecto de musealización de 18 xacementos. En concreto, máis dunha vintena de persoas, en representación dunha cifra similar de empresas, percorreron, xunto a técnicos da Deputación, os xacementos de Monte do Castro, A Lanzada e Agro Vello.

Esta visita, ademais da que se fará o día 15 ao castro de Santa Trega, estaba contemplada no concurso público convocado polo Ministerio de Fomento para o proxecto de ideas das obras de restauración e musealización dos 18 xacementos galaico-romanos da provincia. Este concurso, dotado de 266.000 euros e publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado 22 de decembro, ten como finalidade a idea global e a descrición das actuacións necesarias para a recuperación e valorización do conxunto dos xacementos castrexos como unha estratexia de promoción da provincia turística e educativa.

No convenio firmado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento o pasado ano 2015 contémplase a escavación e recuperación destes 18 xacementos.

En concreto, trátase dos castros de Santa Trega (A Guarda), Alobre (Vilagarcía de Arousa), Facho de Donón (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo), Porta de Arcos (Rodeiro), Mercado dos Mouros (Valga), Igrexa Vella (Valga), Monte do Castro (Ribadumia), Adro Vello (O Grove), Castro de Troña (Ponteareas), A Cabeziña (Oia), Castrolandín (Cuntis), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Castro da Subidá (Marín), Castro de Toiriz (Silleda), Coto de Altamira (As Neves), Alto dos Cubos (Tui) e Castro de Penalba (Campo Lameiro).

Agora as empresas interesadas teñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas ofertas, que deben contemplar aspectos coma a limpeza; o mantemento e a conservación das estruturas dos castros; a sinalización dos xacementos; a difusión e promoción, coa creación dunha ruta cun marcado carácter lúdico e educativo; e a musealización e dixitalización, cunha recreación en 3D de todo o espazo dos xacementos.

En total o proxecto posterior das obras de restauración e musealización ten un orzamento estimado de máis de catro millóns de euros, o que supón un orzamento de execución material por castro de 156.000 euros.

O concurso de ideas para o proxecto de musealización ten como data límite de presentación de propostas o 11 de febreiro. Estas dirixiranse á Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento.