Noticias

Unha mostra recolle a evolución da lingua e da cultura galegas na diáspora durante os anos da ditadura

Compila materiais que dan conta do florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme ‘A cicatriz branca' de Margarita Ledo e con conferencias sobre o exilio


11 setembro 2018
Presentación da mostra GalizAmerica

"Este é un proxecto clave para entender a nosa lingua e a súa evolución nestes anos escuros que foron os do fascismo, que obrigou a que as persoas exiliadas mantiveran viva a nosa cultura alén das nosas fronteiras" asegurou Xosé Leal durante a presentación da mostra ‘GalizAmerica', comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás. O deputado de Cultura e Lingua quixo presentar este proxecto como "unha homenaxe a todas esas persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega nunha América que naquel momento foi o facho no que prendeu a nosa lingua" ao tempo que asegurou que "esta mostra debe percorrer diferentes concellos e comarcas da provincia para poñer en valor estas etapas escuras das que sae esta luz". Así, a mostra iniciará a súa andaina no concello do Grove, entre o 13 e o 27 de setembro, e continuará por Gondomar, do 5 ao 21 de outubro, A Guarda do 25 de outubro ao 10 de novembro, Redondela do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro.

A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. "Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e por tanto unha forma de loita" indicou a comisaria. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou "a xenerosidade de América" e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Sobre esta parte da exposición, a comisaria fixo unha reflexión relacionada cos tempos actuais indicando que "nun momento como o actual no que a sombra da xenofobia percorre Europa temos que ter presente que nos podemos ver abocadas as persoas en situacións extremas, e é importante ter o corazón e a cabeza solidarios". A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia "nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí". Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

Como actividades complementarias, en cada concello terá lugar unha conferencia a cargo dunha persoa que teña investigado sobre o exilio e a diáspora, e en todos se proxectará o filme ‘A cicatriz branca' de Margarita Ledo. A propia Margarita Ledo explicaba esta mañá que "é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega". O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. "Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura" asegurou Margarita Ledo. A cineasta tamén será a encargada da conferencia que complementará a mostra ao seu paso por Poio e que leva por título ‘Recuperar a fala, recuperar a alma" e na que utilizará como fío condutor o seu documentario ‘Apuntamentos para un filme'. Este documentario nacera como un traballo previo e de documentación para a posterior realización de ‘A cicatriz branca' e recolle as conversas coas mulleres da diáspora que compartiron a súa experiencia coa cineasta e que a quixeron relatar para deixar constancia.

Datas, lugares e conferencias

O Grove. Sala das Cunchas do Concello. Do 13 ao 27 de setembro

Xoves, 13 de setembro ás 20h. Inauguración e conferencia de Rosario Portela: "Arredor do libro. Para unha historia da edición galega".

Venres, 14 de setembro. Proxección do filme ‘A cicatriz branca'.

Gondomar. Centro de Estudos Miñoranos. Do 5 ao 21 de outubro

Venres 5 de outubro. Inauguración e conferencia de Pilar Cagiao: "O galeguismo no Uruguay"

Domingo 14 de outubro. Proxección do filme ‘A cicatriz branca'.

A Guarda. Sala de exposicións do Centro Cultural. Do 25 de outubro ao 10 de novembro

Xoves 25 de outubro. Inauguración de microconferencias:

  • Mónica Rebolo : "Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata"
  • Phillip Duncan: "Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958")

Venres 9 de novembro: proxección do filme ‘A cicatriz branca'.

Redondela. Auditorio de Chapela. Do 15 de novembro ao 2 de decembro

Xoves 15 de novembro. Inauguración e conferencia de Uxío Breogán "O galeguismo no exilio americano. Da Irmandade galega ao Consello de Galiza (1940-1963)"

Proxección do filme ‘A cicatriz branca' (data sen definir)

Poio. Casal de Ferreirós. Do 5 de decembro ao 23 decembro

Mércores 5 de decembro. Inauguración e conferencia de Margarita Ledo: "Recuperar a fala, recuperar a alma"

Domingo 16 de decembro. Proxección do filme ‘A cicatriz branca'.