Noticias

Un total de 50 nenas e nenos abren a nova temporada dos Campamentos polideportivos Príncipe Felipe

Desde este luns e ao longo de todo o verán, 300 nenas e nenos gozarán desta iniciativa, que busca este ano concienciar á rapazada no respecto e no coidado do medio ambiente


08 xullo 2018
Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe

Un total de 50 rapazas e rapaces de toda a provincia comezan este luns a primeira quenda dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe da Deputación de Pontevedra, que botan a andar así a súa nova edición 2018. En total, e durante seis quendas, 300 nenas e nenos de toda a provincia de entre 7 e 14 anos participarán nesta iniciativa.

Esta primeira quenda prolongarase desde o luns ata o sábado 14. Durante estes días haberá toda unha semana chea de actividades deportivas e de lecer nas instalacións de Príncipe Felipe. Entre as accións previstas haberá, por exemplo, xogos en inglés, actividades acuáticas coma waterpolo e piscina, deportes de aventura, deportes na natureza, actividades de rastrexo e tamén unha saída ao Parque Multiaventura de Marín.

O fío condutor dos Campamentos polideportivos Príncipe Felipe deste ano xira en torno ao respecto e ao coidado do medio ambiente. O obxectivo é que as rapazas e rapaces tomen conciencia da importancia da natureza e da necesidade de coidala. Desenvolverase ademais "Evitando lumes", unha actividade específica para concienciar sobre os lumes forestais. Para traballar nos contidos sobre o medio, en cada quenda e en función da súa idade, as rapazas e rapaces formarán parte de cadansúa brigada de axentes medioambientais, que serán as de Monte Castrove, Illas Atlánticas, Monte Santa Trega e Monte Cotorredondo.

Despois desta primeira quenda haberá outras cinco que se prolongarán durante todo o mes de xullo e de agosto. En total, serán 300 nenas e nenos de toda a provincia os que pasen polos Campamentos Polideportivos Príncipe Felipe 2018. Como cada ano, trátase dunha iniciativa con grande acollida na provincia, xa que nesta ocasión quedaron máis de 80 nenas e nenos en lista de agarda á espera dalgunha baixa. Á parte de desenvolver toda unha serie de actividades para o lecer e para a aprendizaxe da rapazada, estes campamentos tamén teñen o obxectivo de ensinarlles a desenvolverse nun medio afastado da súa familia, potenciando a súa maduración, a súa sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos saudables de hixiene, alimentación, saúde e lecer.