Noticias

Un total de 19 firmas presentan ofertas para mellorar as estradas provinciais de Campelo en Poio

O deputado Uxío Benítez destaca que o Orzamento das actuacións impulsadas polo Servizo de Mobilidade provincial alcanza os 3.000.000 de euros


10 decembro 2018
Campelo

Un total de 19 firmas veñen de presentar ante a Deputación as súas ofertas para realizar as obras de mellora das dúas estradas provinciais de Campelo: a vía entre Portosanto e a praza da Granxa (EP-0601) e a rúa de baixada á lonxa desde a citada praza (EP-0602). O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a intención é adxudicar os traballos a principios de 2019 para finalizalos dentro do mesmo exercicio.

Segundo apuntou o nacionalista, entre as empresas que optan a facer a reforma hai construtoras galegas, outras de primeiro orde estatal, e tamén unións temporais. Unha vez presentadas as súas propostas os servizos técnicos de Mobilidade e de Contratación avaliarán a documentación e farán unha proposta de adxudicación tendo, desde entón a concesionaria un mes de prazo para firmar o contrato e iniciar os traballos.

O obxectivo, dixo Benítez, é que Campelo goce en 2019 dun cambio total de imaxe grazas aos proxectos conveniados entre a Deputación provincial e o Concello. Estes súmanse ás obras realizadas preto do porto -deseñadas tamén por persoal provincial e pagadas a través do Plan Concellos-, o que resulta un investimento global de preto de tres millóns de euros nas estradas provinciais da zona.

O proxecto máis importante dos que van comezar, denominado de ‘Mellora da mobilidade peonil na EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550 entre o 0+000 e o 1+730), conta cun orzamento de 1.907.235,71 euros e será posible grazas a que despois de anos a Deputación propuxo unha urbanización "razoable e adaptada á realidade urbanística de Campelo", e a que o Concello acadou as cesións necesarias para levala adiante.

Así, darase un gran servizo de acceso aos equipamentos da zona, como son o colexio de Lourido, o centro deportivo e o centro de saúde de Anafáns. O proxecto abarcará case 1.800 metros de lonxitude nos que se crearán unha nova senda peonil de 2,5 metros de largo e dúas plataformas de convivencia con preferencia peonil nos puntos nos que non hai sección suficiente para permitir un paso segregado. Neses espazos de convivencia calmarase o tráfico e non se permitirán velocidades de máis de 20 ou 30 quilómetros grazas aos redutores de velocidade.

Un dos puntos máis destacados da actuación será a confluencia entre a EP-0602 e a EP-0601, na zona da Granxa, onde o actual espazo seccionado polas estradas pasará a ser unha gran praza continua duns 1.000 metros cadrados recuperada para as persoas. Tamén haberá renovación de servizos urbanos (abastecemento, pluviais, fecais, soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións), así como instalación de novo mobiliario e iluminación.

Por outra parte, Benítez indicou que a reforma da estrada de baixada á lonxa terá 502.388,93 euros de orzamento. Prevese unha urbanización de 420 metros de lonxitude, construirase unha senda na parte máis próxima ao mar, para despois continuar cunha plataforma de convivencia de preferencia peonil e tráfico calmado, na que tamén se renovarán os servizos. Habilitaranse tamén escavas con árbores e unha pequena zona verde. O prazo de execución será de catro meses.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, destacou que a obra, que cualificou como "a primeira obra singular que se vai acometer no concello", será pronto unha realidade tanxible e terá un "deseño novidoso" como o que a Deputación está a aplicar noutros concellos da provincia, con sendas de 2,5 metros, calmado de tráfico e gran calidade urbana.