Noticias

Un contedor cargado de solidariedade parte desde a Finca Mouriscade cara Guinea Bissau grazas a unha iniciativa local apoiada pola Deputación de Pontevedra

A Asociación Recycling almacenou nun espazo da finca bicicletas, material escolar e médico, comida e ata unha máquina para a construción de pozos de auga


09 decembro 2020
Voluntarios diante do contedor cargado con material solidario

Hai preto de ano e medio José Luis Pereira Seixo, secretario da Asociación Recycling, topouse con seis bicicletas na súa casa que ninguén usaba. Decidiu entón doalas para que outras persoas puideran gozar delas e, por casualidade, coñeceu a María Martínez, unha rapaza que vive entre Galicia e Guinea Bissau e que cada ano envía un contedor con material ao país africano. Xunto coa súa esposa o lalinense comezou a falar con amizades co obxectivo de enviar 25 bicicletas no lugar de seis, a iniciativa chegou ás redes sociais e tivo tan boa acollida que superou todas as expectativas. Como os lugares nos que gardaban os materiais quedáronse pequenos, Seixo decidiu poñerse en contacto coa Deputación de Pontevedra, que cedeu un espazo na Finca Mouriscade a este grupo de voluntariado.

Na mañá deste mércores ao redor de 20 voluntarias e voluntarios achegáronse ata a finca para cargar nun contedor os múltiples materiais que van a ser doados. Xunto a eles e elas estivo o deputado provincial Manuel González, que se amosou moi orgulloso por esta iniciativa solidaria levada a cabo pola cidadanía. O contedor partirá primeiro cara Vigo, onde pasará os controis pertinentes, para emprender a continuación o seu camiño cara Guinea Bissau, a onde se prevé que chegue dentro dun mes. Alí estará María Martínez para recibir o contedor, en representación Asociación Miradas al Mundo, coa que colabora Recycling,

A Asociación Recycling, nacida no marco deste proxecto, xuntou finalmente preto de 400 bicicletas que, ademais de ser enviadas a Guinea Bissau, tamén están a ser doadas aos servizos sociais de pequenos concellos da comarca de Deza. A solidariedade da veciñanza fixo que finalmente tamén se recolleran, entre outras cousas, 55.000 racións de comida liofilizada, 2.200 lámpadas solares individuais para axudar ao estudo das máis pequenas e pequenos, 50 placas solares, material médico entre o que destacan dúas máquinas esterilizadoras, 22.000 quilos de pintura e ata unha máquina coa que poder construír pozos de auga. Ademais, o contedor tamén leva roupa e material escolar como cadeiras e mesas.

A iniciativa tivo tanto éxito que o contedor non puido albergar todo o material doado. Por iso, as voluntarias e voluntarios fixeron unha selección e todos aqueles obxectos que non tiveron cabida no recipiente seguirán nas instalacións da Finca Mouriscade á espera de ser enviados a Guinea Bissau ou ben de ser doados a persoas que os precisen a través dos servicios sociais pertinentes.

Pola súa parte, as precursoras e precursores desta acción solidaria xa teñen a vista posta no ano que vén. Para as seguintes campañas teñen en mente organizar eventos coma concertos e facer recollidas en máis lugares, actuacións que este ano foron inviables debido as restricións derivadas da COVID-19.