Noticias

Últimos días para visitar a exposición ‘A Casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía' en Pontevedra

A mostra retirarase no Paseo de Montero Ríos o vindeiro venres 24 por prevención ante o novo temporal da fin de semana


22 decembro 2021
Exposición Casa de Rosalía

Últimos días para visitar a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía', instalada no paseo de Montero Ríos en Pontevedra grazas ao acordo da Deputación de Pontevedra e a Fundación Rosalía. A mostra vaise retirar finalmente este venres 24, tres días antes do anunciado, por prevención ante o temporal que chega a fin de semana.

A decisión foi adoptada seguindo o principio de prudencia, xa que os servizos meteorolóxicos anuncian fortes ventos que fan que a estrutura poida estar de novo en perigo. Cabe lembrar que a exposición foi reinstalada o pasado venres 17 logo de sufrir serios danos polo temporal a semana anterior. Os desperfectos fixeron preciso refacela integramente e, aínda que a empresa que a reinstalou reforzou a ancoraxe, fixo a recomendación de adiantar a desmontaxe para evitar novos problemas. 

As persoas que se acheguen a visitala nestes últimos días poderán gozar da creación, comisariada por Pepe Barro, que repasa a historia do museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a Casa da Matanza grazas á colaboración de milleiros de persoas.

Os paneis explicativos fan un repaso pola historia da Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertérase antes en refuxio do galeguismo con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar a Casa.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

A Deputación é dende o pasado verán ‘mecenas' da Casa Rosalía. Ademais da mostra, vanse organizar actividades de maneira continua da man da Fundación para poñer en valor a figura da escritora.