Noticias

Últimos días para inscribirse na proba BTT do "DepoDesafío" 2018 que percorrerá Cerdedo-Cotobade

A cuarta proba da competición organizada pola Deputación de Pontevedra terá lugar o vindeiro 16 de setembro e contará cun percorrido de 35 quilómetros


09 setembro 2018
DepoDesafío 2018

O vindeiro domingo 16 de setembro terá lugar en Cerdedo-Cotobade a cuarta e penúltima proba do "DepoDesafío" 2018, que consistirá nunha carreira de BTT nun percorrido de 35 quilómetros. Para esta proba o prazo de inscrición continúa aberto ata as 11.00 horas do venres 14 de setembro para todas aquelas persoas que non se teñan anotado a todas as probas do "DepoDesafío" 2018. A inscrición pode realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/depodesafio/probas).

Antes da carreira BTT de Cerdedo-Cotobade xa tiveron lugar outras tres probas enmarcadas no "DepoDesafío" 2018 da Deputación de Pontevedra. En concreto, as persoas participantes que están inscritas a todas as probas e aquelas que se anotaron individualmente a algunha das mesmas puideron gozar dunha carreira a pé entre Tomiño e A Guarda, dunha travesía a nado no Grove e dun trail de montaña na Cañiza.

Tras estas tres probas, e a falta de celebrarse a BTT do domingo en Cerdedo-Cotobade e o tríatlon de Vigo, lideran a clasificación xeral do "DepoDesafío" 2018 Mónica Mezquita e Brais Misa. Así, atravesado o ecuador da competición, Mónica Mezquita acumula 520 puntos, 5 máis que Ariana González e 115 máis que Cristina Fernández. Pola súa banda, Brais Misa, con 480 puntos, avantaxa a Ricardo Rey en 35 puntos e a David Garrido en 95.

Ao finalizar todas as probas organizadas pola institución provincial gañarán a muller e o home que rematen ao menos 4 probas e consigan o maior número de puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.

"DepoDesafío" 2018 enmárcase no Plan estratéxico de deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.