Noticias

Tui completa o seu investimento no Plan Concellos 2017 cunha achega de preto de 30.000 euros

O Goberno de Carmela Silva investiu este ano máis dun millón de euros en Tui a través das 3 liñas que compoñen o Plan Concellos


28 agosto 2017
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través dunha Resolución provincial, unha nova axuda para o Concello de Tui ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017 que acaba de completar o investimento da localidade ao abeiro do Plan de cooperación coas vilas da provincia de menos de 50.000 habitantes. Así, a institución provincial achega un total de 28.296,74 euros que permitirán ao Concello de Tui realizar unha intervención nas cubertas do edificio onde se atopaba o cárcere vello do municipio.

Ademais, anteriormente a Deputación de Pontevedra xa destinara a Tui 729.053,97 euros en liña 1 para a actuacións coma a reforma dos vestiarios do complexo deportivo de Álvarez Durán, a ordenación dunha rotonda mailo seu entorno, a reforma das instalacións do conservatorio de música, subministracións varias (un equipo de medición mailo software, un mupi dixital para información turística, un sonómetro e máis material e software informático), a regulación do tráfico da intersección entre a rúa Calzada e a Avenida da Concordia, a adquisición dunha motocicleta para a Policía Local, o acondicionamento dos xardíns de Troncoso, a mellora da pavimentación que une os núcleos das Chans con Circos, a mellora da pavimentación de viarios en Bouzabalada, en Filgueira, entre Parceira e Baldráns e entre Cruxeiras e Rebordáns, a realización da ordenación exterior da escola infantil da vila, a instalación dunha caldeira de pellets e de emisores térmicos no edificio da UNED e para un novo equipamento destinado á área de cultura. A maiores, 20.351,86 euros en liña 2 para diversas actividades como os campamentos de verán, o Entroido ou a Cabalgata de Reis e, finalmente, outros 225.165,30 euros para a contratación de 23 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do plan.

Unha vez completado o investimento do Plan Concellos 2017, Tui recibe un total de 1.002.867,87 euros por parte da Deputación de Pontevedra.