Noticias

Tres obras de Castelao na nova exposición do Museo Reina Sofía

Trátase de tres obras da serie "Debuxos de negros", que o polifacético artista galego pintou no ano 1939 durante a súa estadía en Cuba


26 abr 2016

"Campo cerrado. Arte y poder en la posguerra española. 1939-19532" é o título da exposición que esta tarde se inaugura no Centro de Arte Reina Sofía e que inclúe tres obras de Castelao. Trátase de tres debuxos da serie titulada "Debuxos de negros", que Castelao pintara no ano 1939 con motivo da súa estadía en Cuba. "Que Castelao estea representado nesta exposición dá fe do importante papel artístico e intelectual que desempeñou no ámbito da cultura internacional, polo que temos que ser conscientes da súa importancia, moito máis aló das fronteiras galegas, e reivindicar a universalidade da súa obra", afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto da presenza destas obras na exposición do Reina Sofía.

A exposición, comisariada por M.ª Dolores Jiménez-Blanco, tamén conta con outra obra do Museo de Pontevedra, Cabeza de muller negra, da pintora nacida en Viveiro e coñecida polo pseudónimo artístico de Maruja Mallo. Esta obra, pintada en 1946 , adquiriuna o Museo a comezos da década de 2000. As obras de Castelao son as tituladas El bongocero, Ritmo afro-cubano e El billetero; todas forman parte da colección permanente do Museo.

"Campo cerrado", que poderá visitarse no terceiro andar do Edificio Sabatini do Museo Reina Sofía entre o 27 de abril e o 26 de setembro, é unha mostra que revisa a produción artística na posguerra española desde ópticas moi diferenciadas e inclúe un gran número de artistas. Todas as obras seleccionadas nesta mostra están divididas en epígrafes temáticos. As obras de Castelao e Maruja Mallo están incluídas no epígrafe Exilios. Ademais, os debuxos do artista rianxeiro comparten sala coa obra doutros pintores galegos coma Luis Seoane e Manuel Colmeiro.

En canto ás características técnicas, as obras de Castelao son debuxos en tinta chinesa sobre papel cunhas medidas, que oscilan entre os 30 e os 34 centímetros de altura, e a obra de Maruja Mallo é un óleo sobre lenzo, cunhas medidas de 56 por 46 centímetros. 

Fotos